O deputado do BNG, Néstor Rego, traslada as demandas do sector da avogacía e a procuradoría para que o Goberno do Estado realice as actuacións e modificacións necesarias para garantir unha cobertura social digna a todos os profesionais que teñen contratado coa mutualidade profesional o sistema de protección social alternativa ao RETA. Após aprobarse por unanimidade unha iniciativa do BNG neste sentido e sendo trasladada a outros parlamentos como o andaluz, o catalán ou o cántabro, a organización nacionalista demanda no Congreso a actuación do Goberno do Estado e mellorar as condicións da xubilación parcial das profesionais.
“As distintas reformas agravaron a situación dos mutualistas e mesmo, despois dunha longa carreira de cotización, están a impedir a xubilación dos profesionais da avogacía” sinala o deputado do BNG. Néstor Rego, neste sentido, sinala que a cobertura social “é insostíbel por inxusta e precaria” e mesmo alerta de que, coa nova reforma proposta, “será máis inxusta”.
Actualmente, explica o deputado do BNG, e como exemplo da escasa cobertura social que ofrece a mutualidade, “unha mutualista non xera dereito á prestación por viuvez, orfandade, incapacidade permanente total, á vez que a IT por saúde mental en toda a vida laboral non pode ser superior a dous meses”.
En opinión do deputado nacionalista, o Goberno do Estado debe realizar as actuacións e modificacións necesarias en relación coas profesionais da avogacía e da procuradoría que teñen concertado coa mutualidade profesional o sistema de protección social alternativo ao RETA. “Debe permitir a posibilidade voluntaria e temporal, de trasladar ao RETA as cantidades cotizadas na Mutualidade profesional, computándose a efectos no pagamento de pensións e prestacións futuras, xubilación incluída, en todo caso, previa ponderación das cantidades ingresadas e dos períodos cotizados” apunta.
Do mesmo xeito, evitar a equiparación fiscal das cotizacións realizadas na Mutualidade cun plan de pensións complementario e mellorar as condicións de xubilación parcial das persoas profesionais da avogacía e a procuradoría.
Apoio unánime no Parlamento de Galiza
A iniciativa presentada e defendida polo BNG no Parlamento de Galiza, a través do deputado Iago Tabarés, conseguiu o acordo unánime da cámara galega. De facto, o número exacto das profesionais afectadas na Galiza, segundo os datos publicados pola Mutualidade da Avogacía, é superior aos 208.000 dos que máis de 64.000 estaría no sistema alternativo ao RETA. Galiza representa 4,8% do total dos avogados e avogadas ejercientes en todo o Estado, cun total de 7.142, sendo 220 o número de profesionais da procuradoría, o que evidencia a relevancia social do problema que se está a expor.
Unha iniciativa rexistrada e aprobada noutros parlamentos
Após o Bloque Nacionalista Galego rexistrar esta proposta no Parlamento da Galiza, outras organizacións políticas levaron a mesma a outras cámaras autonómicas. O debate no parlamento andaluz acadou tamén o apoio unánime dos grupos e, de forma semellante, ocorreu nas cámaras de Cantabria e Cataluña.