O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas na cámara baixa para que o Goberno retome o proxecto para a construción dunha circunvalación ou enlace para evitar o paso de vehículos pesados e de mercadorías perigosas pola zona. Rego sinala que esta conexión sería moi beneficiosa para a veciñanza da parroquia da Pastoriza e permitiría unha conexión tanto en dirección á Coruña como a Arteixo, ademais, o enlace directo beneficiaría tamén ás empresas e industrias que se asentan na zona.
O BNG, lembra o deputado nacionalista, ten presentado diversas iniciativas parlamentares recollendo esta proposta así como emendas aos Orzamentos do Estado para incluír partidas que permitan levar a cabo esta obra que “liberaría de tráfico pesado a Meicende e melloraría a seguranza viaria así como a calidade de vida”. Iniciativas, todas elas, que obedecían as demandas que durante anos formularon as veciñas e veciños de Meicende, no Concello de Arteixo.
A construción da estrada cara ao Porto Exterior de Punta Langosteira abriu a posibilidade de facer unha alternativa “moi beneficiosa para a veciñanza da parroquia da Pastoriza posto que permitiría unha conexión tanto en dirección a Coruña como a Arteixo. Ademais, o enlace directo beneficiaría ás empresas e industrias que se asentan nesa zona”.
Este proxecto, recorda Néstor Rego, estaba contemplado nas previsións do Goberno do Estado e, de facto, estabelecíanse partidas específicas nos Orzamentos estatais en 2015 dotadas con 3 millóns para esta actuación “mais nunca se executou”.
“Trátase de facer un enlace á altura da denominada Avenida do Butano en Meicende co lugar en que a nova autovía cruza a estrada AC-415. A AC-415 atravesa o núcleo de Meicende e Pastoriza. Faríanse dous accesos á autovía, un de entrada e outro de saída. Non é unha actuación complicada xa que estamos a falar dunha vía de só 1,2 quilómetros de lonxitude” explica Néstor Rego.