O BNG dá traslado da súa proposta de BPG ás direccións galegas de UXT e CC OO

A Banca Pública Galega é a única fórmula para evitar que as decisións sobre Novagaliciabanco, como sobre o resto dos bancos nacionalizados, se vaian tomar por parte do Banco Central Europeu, isto é, por parte de Alemaña.

Así o afirmou esta mañá en conferencia de imprensa o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, logo de manter unha reunión coas direccións galegas de UXT e CC OO, organizacións ás que o BNG deu traslado da súa proposta de Banca Pública Galega.

Nesta reunión, alén de Guillerme Vázquez, fixeron parte da delegación do BNG a secretaria de Organización, Montse Prado; o secretario de Acción Social, Rafa Vilar; e o membro do Consello Nacional Xavier Vence. Pola súa parte, as delegacións de UXT e CC OO encabezáronas José Antonio Gómez e Mabel Pérez, secretario xeral e secretaria da Muller, Políticas de Igualdade, Inmigración e Cooperación ao Desenvolvimento, respectivamente.

A BPG, unha proposta realista

O portavoz nacional presentou a proposta dunha Banca Pública Galega como a “forma máis realista” de contar cunha institución financeira “vinculada ao territorio e capaz de fornecer crédito a empresas e particulares -crédito que hoxe non existe pola vía da banca privada”. A BPG sería tamén, a xuízo do líder nacionalista, unha fórmula “indispensábel” para evitar que se consume o espolio do aforro galego e mesmo para voltar a xerar confianza entre as aforradoras e aforradores, “que neste momento non se fían en absoluto das entidades privadas”.

A Banca Pública Galega é tamén a única alternativa fronte ao “insensato deseño” dos gobernos Feijóo e Rajoy que apostan pola “megaconcentración bancaria” e a “descentralización territorial”.

Un deseño que pasa por entregar a “capacidade de decisión sobre o sistema financeiro e sobre os bancos nacionalizados, entre eles NGB, a instancias aínda máis lonxanas de Galiza, ao Banco Central Europeu, isto é, a Alemaña”.

Alemaña ten a chave

Alertou Guillerme que na recente cimeira europea o que se pactou é precisamente iso: entregar a Alemaña a chave para que sexa ela quen dirixa a reordenación do sistema financeiro no conxunto do UE. Dito doutro xeito: as decisións sobre o aforro galego se tomarían xa non en Madrid, senón en Berlín.

“A única forma de lle dar volta a ese deseño é apostarmos pola Banca Pública Galega”, razoou Guillerme, quen salientou que Galiza, con Feijóo na presidencia, leva camiño de ficar sen ningún instrumento financeiro propio. “O Pastor foi absorbido polo Popular e Novagaliciabanco xa todos vemos como está”, dixo.

Favorábel acollida social

Guillerme mostrou a súa convicción de que a proposta de Banca Pública Galega que lidera o BNG se irá abrindo paso no seo da sociedade galega. “Estamos a obter unha moi favorábel acollida en todas as reunións e contactos cos axentes sociais. Hoxe tamén”, dixo, a respeito do encontro das direccións galegas de UXT e CC OO.

As decisións sobre o aforro galego se tomarían xa non en Madrid, senón en Berlín

De por parte, o portavoz nacional quixo referirse tamén á nova ofensiva antisocial dos gobernos galego e español.

“Soben o prezo da luz, das medicinas, do butano, nun contexto de baixa de salarios e pensións. Continúa o espolio da xente”, afirmou, ao tempo que denunciou que este mesmo mes vai entrar en vigor “o novo canon da auga, cunha fortísima subida”. “De media as facturas que pagan os cidadáns subirán arredor dun 150 por cento”, alertou.

O Goberno Feijóo está a facer certo coas súas políticas de recortes “a afirmación que fai o BNG de que o Rescate á Banca é un Saqueo ao Pobo”, dixo Guillerme.

O portavoz nacional criticou tamén con dureza a nova andanada contra as competencias autonómicas anunciada onte por Rajoy. “Reducir o gasto das comunidades autónomas é tanto como reducir o gasto en sanidade e educación, o gasto en servizos sociais, que é no que pensa o PP seguindo os ditados da troika”, cuestionou Guillerme, quen advertiu de que o Goberno Rajoy “pensa tamén en liquidar a Lei de Dependencia”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG