O BNG da Coruña pide que se retire o título de fillo predilecto a Méndez, o ex director xeral da CG

O Grupo Municipal do BNG da Coruña levará ao Pleno ordinario de xullo unha moción na que esixe a retirada do título honorífico de fillo predilecto a José Luis Méndez, ex director xeral de Caixa Galicia, pola súa pésima xestión á fronte da entidade financeira.

O portavoz nacionalista Xosé Manuel Carril, acompañado pola concelleira Ermitas Valencia, debullou esta mañá en rolda de prensa os motivos que levaron o BNG a solicitar que se revogue esta distinción, concedida polo “seu prestixio e consideración xeral, polas súas destacadas cualidades persoais e, singularmente, polos seus servizos en beneficio, mellora e honor da cidade” e que foi aprobada na derradeira Xunta de Goberno Local en que era alcalde da Coruña Francisco Vázquez, o 17 de febreiro de 2006 e ratificada no Pleno da Corporación municipal o 3 de abril de 2006.

Pasados seis anos, o BNG considera que Méndez non é merecente do título de fillo predilecto, “temos información suficiente da xestión que tivo á fronte de Caixa Galicia e as súas consecuencias ruinosas, polo que mantelo como fillo predilecto da cidade só daría unha mala imaxe da Coruña”.

Pésima xestión

A concelleira Ermitas Valencia expuxo que a crise económica sacou á luz a pésima xestión da banca, “unha xestión que agora temos que sofrer todos e todas a través dos graves recortes que suporán os famosos rescates”. “A crise tamén sacou á luz que as caixas galegas, en vez de cumprir o que ditaba a lei e así promover a economía e a cultura galegas, se dedicaron a especular co ladrillo”, apuntou.

Méndez contribuíu a alimentar a crise co furado inmobiliario de Caixa Galicia

A nacionalista salientou que “tal e como no 2006 o Concello se facía eco do apoio popular e da suposta boa xestión de quen era o cabeza visíbel de Caixa Galicia, o Concello ten que se facer eco do malestar da cidadanía e da mala xestión de Méndez á fronte da entidade”. “Non esquezamos que, en parte, o ex director contribuíu a alimentar a crise co furado inmobiliario de Caixa Galicia”, engadiu.

Valencia insisitiu en que “con feitos máis que probados e con razóns máis que suficientes é de xustiza retirarlle este honor ao ex director de Caixa Galicia”. Precisamente, o Estado español tivo que solicitar o rescate bancario á Unión Europea ante a falta de fondos para sanear as entidades financeiras nacionalizadas: Bankia, Catalunyacaixa, mais tamén NCG Banco, sociedade anónima herdeira de Caixa Galicia e Caixanova. “A xestión de José Luis Méndez López como Director Xeral de Caixa Galicia levou o Estado español a necesitar un rescate externo”, denunciou.

Nepotismo e 16,5 millóns de indemnización

Carril afondou nas condutas reprobábeis de Méndez que levaron o BNG a solicitar a revogación do título de fillo predilecto. “Os abusos durante a súa xestión á fronte de Caixa Galicia son hoxe máis que coñecidos entre a poboación, poderíamos citar algúns como o nepotismo, colocando os seus fillos nos máis altos postos directivos da caixa, mais, sobre todo, o cobro de indemnizacións multimillonarias, cando a entidade xa recibira inxentes axudas públicas e cando a sociedade xa estaba sufrindo a crise económica”, exemplificou.

“O prezo que pagou a antiga Caixa Galicia para poder dicirlle adeus a quen durante 29 anos ocupou a Dirección Xeral foi un retiro de 16,5 millóns de euros”, apuntou. Engadiu Carril que o plan de pensión e a indemnización cobrada por José Luis Méndez foron as máis altas recibidas por un alto cargo dunha caixa no Estado español.

Corresponsábel da desaparición de Caixa Galicia

O nacionalista, que lembrou que A Coruña “foi durante moitas décadas capital financeira de Galiza e a actuación de Méndez e doutros directivos de entidades financeiras levaron a que a cidade deixara de ser cerne do sistema financeiro galego”, salientou que a mala xestión de Méndez supuxo a desaparición de Caixa Galicia e que a súa sucesora, Novacaixagalicia e Novagalicia Banco, teñan que ser rescatadas con inxentes recursos públicos.

A este respecto, Carril afirmou que a entidade tivo que recibir cando se fusionou con Caixanova 1.162 millóns de euros e tivo que recibir outros 2.465 millóns de euros cando foi transformada en banco. Así, engadiu que o sobreendebedamento da entidade, o alousa da sobre-exposición no sector inmobiliario e as participacións empresariais erróneas (incluso escandalosas coma as súas relacións con ASTROC), levaron a desaparición da Caixa de Aforros de Galicia.

Grave riscos para o emprego

A continuación, o portavoz do BNG no Concello da Coruña puxo de manifesto que os desinvestimentos en empresas asentadas na Coruña nas que participaba a Caixa Galicia e que tivo que afrontar a entidade para sanear os excesos cometidos durante a xestión de Jose Luis Méndez supoñen un grave risco para a continuidade de numerosas empresas na cidade, algunha delas xa pechadas.

Nesta liña, Carril advertiu de que a pésima xestión do director xeral derivou nunha destrución de emprego directo en Caixa Galicia e nas empresas auxiliares ou participada. “E tamén provocou o despedimento de milleiros de profesionais na Coruña polo estrangulamento do crédito ao que someteu as compañías coruñesas”, engadiu.

Os beneficios da obra social, no peto de accionistas privados

Non esqueceu o portavoz nacionalista das graves consecuencias que terá para a cidadanía a desaparición da caixa, porque os beneficios que revertían na sociedade a través da obra social rematarán, no mellor dos casos, nos petos dos accionistas privados.

Carril explicou que o futuro a obra social verase prexudicada coa ampliación de capital precisa para acudir ao rescate da UE. “O mesmo sucede coa Obra asistencial, como por exemplo coa Residencia situada na Cidade Vella da Coruña, que foi transferida a Eulen e que no futuro non dará asistencia de balde ás persoas máis necesitadas”, alertou. Tamén criticou o nacionalista os “grandes mausoleos de dubidosa rendiblidade social e que hipotecan o futuro da obra social”.

Méndez e a estafa das preferentes

Ademais, Carril advertiu de que Méndez encubriu a súa mala xestión incrementando a solvencia da entidade, colocando produtos complexos á clientela e traspasándolle o risco á mesma. “Hoxe milleiros de pequenos aforradores e aforradoras están atrapados na arañeira das participacións preferentes”, sinalou.

Precisamente, ao rematar a rolda de prensa, a concelleira Ermitas Valencia participaba na concentración que cada xoves organizan os afectados e afectadas pola fraude das preferentes, aos que o BNG, desde as distintas institucións en que conta con representación, apoia.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG