A deputada do BNG, Carmela González formulou unha pregunta ao goberno sobre as medidas da Xunta ante o anuncio da venda de Nueva Pescanova a unha multinacional canadense.
Para a deputada, o goberno galego mantén unha posición de “mero espectador” ante a perda doutra empresa galega e alerta do “control das multinacionais sobre o tecido empresarial en Vigo” e preguntou que medidas puxo en marcha a Xunta para frear a perda de empresas e a sangría de postos de traballo.
A Xunta limitase a acompañar a Nova Pescanova na venda a capital estranxeiro
Tras a intervención do Director do Instituto Galego de de Promoción Económica, (IGAPE,) Fernando Guldrís que se limitou a subliñar o acompañamento da Xunta no proceso de Nova Pescanova, a parlamentaria do BNG replicou que ese acompañamento non é suficiente. “A Xunta debe reaccionar” con medidas concretas e cun “compromiso real” ante a continua ameaza do control foráneo das nosas empresas.
“Galiza está en venda” co espolio eólico que pon nas mans do oligopolio eléctrico, e de capital foráneo ao que sumou a perda de galeguidade das empresas. Ao seu xuízo, “Vigo é a Zona Cero deste proceso” no que pouco a pouco a cidade queda baixo o control empresarial de multinacionais estranxeiras e fondos de inversión de fóra.
Nesa liña, referiuse ao sector da automoción controlado na súa grande maioría por grupos estranxeiros e asegurou que o sector da pesca vai polo mesmo camiño. “O tecido empresarial de Vigo é cada vez menos vigués e menos galego”, sentenciou.
Para dar constancia do control empresarial estranxeiro na cidade de Vigo, a nacionalista lembrou que Stellantis pertence ao grupo Italo-francés-estadounidense con sede en Holanda, GKN Driveline ao fondo británico Melrose Industries, Borgwarner e Antolín son estadounidenses, Benteler, ZF e Faurencia Interior, alemás, Faurecia Asientos Galicia, francesa e Viza, mercada pola canadense Magna Censa.
Capital estranxeiro, na maior parte das empresas de Vigo
Esta realidade, dixo, estendese tamén ao ámbito sanitario: Povisa , en mans do grupo francés Vivalto Santé, o hospital de Fátima baixo o control da familia catalá Gallarda, e o novo Hospital de Vigo á sociedade concesionaria de servizos sanitarios do Hospital Álvaro Cunqueiro controlado por dous fondos; un francés de outro luxemburgués.
Pero o capital foráneo tamén está presente noutros sectores de servizos sociais, comercio ou transporte, DomusVI no fondo francés PAI Partners, o Centro Comercial Travesía controlado por un fondo inmobiliario israelí, e a concesionaria do transporte público de Vigo “Vitrasa” pertence a Avanza, grupo mexicano Mobility ADO.
O sector da pesca non é alleo a esta realidade económica con casos como:Iberconsa en mans do fondo de inversión estadounidense Platinum Eguity,Profand no que Banca March ten o 23, 7% do accionariado, Albo baixo as directrices da asiática Shanghai Keichuan, Mascato valorando a súa venda a un inversor estranxeiro e acabamos de coñecer que Abanca chegou a un acordo co “grupo canadense Cooke” para a venda do 80% da súa participación en Nueva Pescanova, “unha empresa galega máis que cae en mans de capital foráneo”.
Na actualidade, explicou a deputada nacionalista, “Nueva Pescanova” distribúe os seus produtos en 80 países de 5 continentes e mantén cerca de 1.000 postos de traballo nas súas oficinas centrais de Chapela (Redondela) e nas 3 plantas de transformación de Arteixo, Chapela e O Porriño. O anuncio da súa venda “non é unha boa noticia” e volvemos a constatar que o Goberno galego mantén unha posición de “mero espectador” ante o control foráneo sobre as empresas galegas e nomeadamente na cidade de Vigo.
Carmela González, remarcou que nos últimos 14 anos de goberno do PP “perdéronse 20.700 empregos industriais no noso país e Galiza está á cola en competitividade segundo o último informe da UE”, e lamentou que o goberno galego continúe sendo cómplice dos grandes grupos empresarias, a pesar dos graves efectos que esta “conivencia” provoca no tecido industrial e empresarial galego.