BNG cualifica de logro histórico a devolución do Pazo de Meirás e fixa como reto recuperar todo o patrimonio roubado

Pazo de Meirás
Pazo de Meirás
Pide suspender as visitas, retirar toda a simboloxía franquista, traballar  nun plan de usos dese espazo e dotarse dunha lei de memoria histórica

O BNG elixiu a data do 20N para explicar ante o Pazo de Meirás as propostas de futuro para este simbólico espazo agora que enfila o tramo final da súa recuperación para o pobo galego, un logro que considera histórico e que atribúe a loita democrática de moitos colectivos, asociacións, institucións  e persoas a título individual.

“É un orgullo a loita democrática e de dignidade dada pola sociedade galega para conseguir pechar un dos pozos negros do franquismo”, sintetizou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen tamén lazou unha advertencia ao Goberno de Feixóo: “non imos permitir ningún tipo de branqueo do franquismo a través do pazo nin de ningunha outra maneira, nin tampouco que se afonden nas teses negacionistas que quere impoñer desde Madrid a extrema dereita a tamén unha parte da dereita”.

“O conseguido é xa un logro histórico que demostra que é posible empezar a desmantelar os privilexios dos herdeiros do ditador”, subliñou Pontón, que xa avanza novos retos de traballo e novos obxectivos como o de recuperar todos os bens espoliados polo franquismo en Galiza. “O compromiso do BNG é dar a batalla até o final, até conseguir recuperar todo o patrimonio roubado”, explicou, e para iso propón a creación dunha comisión que faga un inventario exhaustivo.

A líder nacionalista anunciou tres compromisos do Bloque: traballar en todos os ámbitos para recuperar os bens roubados polo franquismo, recuperación para uso público do Pazo de Meirás e dotar a Galiza dunha política pública de memoria histórica democrática que faga xustiza ás vítimas da ditadura.

No inmediato, o BNG reclama suprimir as visitas que organiza a Fundación Franco e retirar todos os elementos de exaltación do franquismo e do ditador, “noutras palabras, poñer fin ao museo dos Horrores franquista do actual Meirás”, ademais de garantir a unidade e integridade dos bens públicos do pazo. No medio prazo, defende a xestión conxunta da Xunta, Deputación e Concello de Sada contando co tecido asociativo e con asesoramento do ámbito investigador; elaborar un plan de usos que recolla o aspecto cultural, -sobre todo en relación coa figura de Pardo Bazán-, o ámbito da memoria histórica e os dereitos democráticos, e o ámbito turístico.

Igualmente, propón unha lei galega de memoria histórica e de dereitos das vítimas, incluíndo a creación dun departamento adscrito á vicepresidencia da Xunta, un plan plurianual de memoria histórica con actuacións en materia de exhumación de foxas e a identificación de persoas desaparecidas e elaborar un mapa de lugares da memoria.

Pontón fixo un recoñecemento expreso a entidades como a Comisión pola recuperación a memoria histórica, a Xunta pro devolución do pazo, historiadores como Carlos Babio e Manuel Pérez, activistas da memoria como Manuel Mongue ou Beatriz Gómez, ao ex alcalde Sada Abel Soto, a Deputación da Coruña baixo a vicepresidencia de Goretti Sanmartín ou aoss 19 de Meirás. O acto de hoxe tamén contou coa participación do deputado Nestor Rego, da portavoz en Bruxelas, Ana Miranda, e doutros responsables locais do BNG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG