Parlamento Galego

O BNG critica o triunfalismo da consellería do Mar ante as cotas negociadas con Europa para o ano 2020

Montse Prado
Montse Prado
Montse Prado pediu cambiar “a propaganda e as fotos da consellería” da consellería e negociar capturas que beneficien á frota galega

A parlamentaria do BNG, Montse Prado criticou hoxe o triunfalismo das cotas de pesca negociadas pola Consellería de Mar  que cualificou dunha escenificación de  “reparto mediático” e pediu á directora xeral de Pesca e a propia conselleira, Rosa Quintana “cambiar a propaganda do ben que se negocia, por un reparto xusto de TACs e cotas” para a flota galega.

A deputada lembrou que no último pleno do Parlamento, Quintana criticou a proposta da Comisión europea e anunciou  que o goberno galego traballaría para mellorala. Finalmente, recalcou Prado, constatamos que o recorte supón o mantemento de cotas para un importante número de especies, baixan 17 e soben para 10, sen embargo “o incremento prodúcese en cotas de escaso valor”.

Dende o BNG, dixo, non podemos facer un balance positivo e despois das fotos, sorrisos e apertas”, atopámonos coa realidade: as cotas de Galiza a respecto doutros países non saen beneficiadas. A frota galega debe conformarse cun aumento do 41% de xarda, 4.000 quilos, que na nosa opinión e na do sector resulta  unha cantidade “de miseria”. A pescada redúcese o 25%,  trinta millóns de euros menos, o linguado baixa 45.000quilos, 800.000 euros menos  e a cigala por cuarto ano pechada. O xurelo respecto ao ano 2019 perde un 16% porque sobe no Sur e baixa no Norte “As especies de gran valor non melloran as súas capturas”, reiterou a deputada.

Tras a resposta da directora xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez, a parlamentaria do BNG insistiu en que a negociación do  reparto das cotas foi “máis mediático que xusto para a frota pesqueira galega”.

Prado volveu a pedir a Mar que deixe de enganar ao sector e recoñezan que o reparto das cotas “non é satisfactorio”. Por outro lado, remarcou que o BNG discrepa dun modelo baseado nos intereses dos estados e non das realidades das comunidades pesqueiras e costeiras. Si primaran os criterios científicos e non os económicos, dixo “non tería sentido rebaixar as capturas da pescada xa que todos os estudos confirman a recuperación da especie”.

O BNG pide investir en  Porto do Son e non discriminar o peirao fronte a outros portos menores

Por outra parte, na mesma  comisión de pesca, a deputada do BNG tamén preguntou pola autorización da Direccións xeral de Pesca para descargar  especies peláxicas de barcos do cerco, a pesar de que “o peirao do Porto do non esta habilitado para tal fin”.

A directora xeral de Pesca respondeu a deputada que o porto está preparado para o desembarque das especies do cerco sen embargo, explicou Prado, o porto non conta con “máquina de xeo nin están cubertas outras necesidades”.

Vostede, preguntou a nacionalista, considera que con cartos públicos poden “deixar esmorecer un dos portos máis importantes da flota do cerco en Galiza” mentres outros portos contan con actuacións “inxustificables” e mesmo sen as licencias necesarias.

Dende o BNG, afirmou, consideramos que hai que actuar con “racionalidade” e iso significa non ter dous portos a unha distancia de cinco quilómetros para as mesmas funcións.

A deputada pediu á directora xeral de Pesca que atenda as demandas do sector maioritario e non siga “beneficiando a catro barcos fronte a 29” que realizan a descarga en Porto do Son.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG