Durante o debate de totalidade no Congreso da Lei de protección animal o deputado do BNG, Néstor Rego, considerou que o texto -se non se corrixir- representa unha “oportunidade de ouro perdida” para prohibir definitivamente as touradas e criticou que PSOE e Podemos deixasen fóra da Lei “o que sen dúbida é a máxima expresión dos maos tratos aos animais”.
Rego sinalou que é unha obriga ética e política “avanzar na protección e benestar dos animais” e que para iso, ademais de sensibilación social, é necesario un marco legal específico. No entanto, o deputado nacionalista denunciou que, máis unha vez, o proxecto de lei implica recentralización e invasión competencial, nunha materia que é competencia -no noso caso- da administración galega.
Porén, a intervención do deputado nacionalista centrouse nas carencias do texto e, especialmente, no feito de que non se prohiban as touradas. “Parécenos absolutamente sorprendente que o Goberno, que o PSOE e Unidas Podemos, de quen parte a iniciativa, pretendan aprobar unha lei que garanta o benestar animal e evite os maos tratos e exclúan o que sen dúbida é a máxima expresión dos maos tratos aos animais como son as corridas de touros. Que non, non son cultura senón tortura”, enfatizou.
O BNG considera incongruente -especialmente por parte de Unidas Podemos- manifestarse en contra das touradas e no momento en que se promove unha lexislación de protección e benestar dos animais -que, ademais, é iniciativa de UP- se deixe fóra a tortura de animais convertida en espectáculo público.
“Esta era unha oportunidade de ouro para acabar definitivamente con este salvaxismo, mais preferiron ollar para outro lado. PSOE e Podemos terán que explicar por que. E terán que decidir que facer porque, evidentemente, o BNG vai presentar emendas na tramitación posterior desta lei”, concluíu Rego.