Parlamento Galego

BNG critica o desleixo do PP coa residencia de maiores de Oleiros, cuxa atención ás persoas usuarias empeora co tempo

Iria Taibo con traballadoras residencia
Iria Taibo con traballadoras residencia

Iria Taibo recriminoulle á conselleira que as familias e as traballadoras non teñen porque sufrir as consecuencias da política privatizadora do PP

A deputada Iria Taibo denunciou este mércores no Parlamento o desleixo do PP coa residencia asistida de maiores de Oleiros (RAMO), que adoece de graves deficiencias asistenciais que van empeorando co tempo, e denunciou as condicións nas que teñen que desenvolver o seu labor os e as traballadoras.

Taibo comezou a súa quenda de preguntas no Pleno á conselleira de Política Social, Fabiola García, lembrando que hai agora xusto un mes se producía un accidente na residencia que tivo como consecuencia unha traballadora ferida. Trasladou tamén as queixas do persoal pola “preocupante saturación” na segunda residencia pública máis grande de Galiza en número de residentes. Explicou que só no horario de noite, unha soa auxiliar ten que atender unha á con 44 residentes.

Outra queixa, que os e as traballadoras xa trasladaron hai unhas semanas á Valedora do Pobo, ten que ver coa entrada de novos perfís de residentes, sen acompañar con “suficientes protocolos e formación para os e as traballadoras”, advertiu a deputada nacionalista, que lle recriminou á conselleira que “as familias e as traballadoras e traballadores non teñen por que sufrir as consecuencias da política privatizadora deste Goberno”.

Á situación deficiente da asistencia ten moito que ver coa mestura de pacientes que ten a RAMO.  Por unha banda, estanse a recibir residentes que non son maiores e que teñen algún tipo de problema de saúde mental e por outro lado, a residencia atende grandes dependentes, que teñen outro tipo de necesitades, algo que constitúe un problema tanto para o persoal como para o resto de residentes.

Por outra banda, Taibo tamén denunciou a “grave situación de atención sanitaria”, con “protocolos insuficientes ou deficientes” para a atención axeitada das persoas, mesmo en situacións “tan graves como cando as persoas residentes se ven obrigadas a acudir a coidados paliativos”.

En canto á alimentación, malia a que a residencia dispón de cociña propia, “estase a ofrecer dun xeito bastante deficiente que non corresponde en absoluto co que deberiamos agardar dunha residencia pública”, advertiu.

Mesmo fixo referencia a problemas de seguridade no centro de maiores, o que, para Taibo, tampouco se corresponde en absoluto co que “debería ser un servizo público dirixido pola consellería de Política Social e Igualdade”, indicou.

É por iso que Taibo lle preguntou á conselleira se era consciente da situación da residencia, se fixo ou vai facer algunha inspección desta situación e que ten previsto facer pare resolver estas graves deficiencias e mellorar a situación das persoas residentes e dos traballadores e traballadoras, “como é o seu deber”·.

Ante a resposta “idílica” da conselleira, que asegurou que estaba tendo uns controis anuais que non detectaron ningún tipo de anomalías, máis ben o contrario, resaltou o “excelente calidade dos servizos prestados” e as ratios do persoal, segundo a conselleira, unha das máis elevadas de persoal sanitario, “por riba da normativa vixente”, Taibo recomendoulle que falase cos traballadores e traballadoras do centro, ademais de coas familias que “desde logo non concordan con esa visión tan idílica que ten vostede sobre a asistencia”, afirmou.

“Vostede fala de que o Goberno galego está comprometido coa atención digna ás persoas maiores, mais nós o que estamos a observar é que nos orzamentos de 2025 non se pode constatar ningunha mellora en cando o aumento de número de prazas públicas”, subliñou, lembrando que só o 22 % das residencias de Galiza son públicas.

“O que si observamos é un aumento moi claro de fondos para a privada”, criticou.

Iria Taibo rematou a súa intervención reclamando a revisión do número máximo de prazas que poden acoller cada residencia e que se revisen as ratios de persoal para que “as familias e as traballadoras da Residencia Asistida de Maiores de Oleiros non teña que sufrir as consecuencias desta política privatizadora deste Goberno”, rematou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG