BNG critica ao Sergas que manteña a desprotección sanitaria no PAC de Ordes coa cobertura parcial das eivas en enfermería

Iria Carreira
Iria Carreira

Iria Carreira advirte que coa nova praza anunciada para esta especialidade seguirán sen cubrirse as noites dos días laborables e as dos domingos

Recrimina o incumprimento da Xunta do acordo de desconvocatoria da folga de 2019 dos PACs galegos no que comprometera equipos completos

BNG reprobou no Parlamento galego ao Sergas que manteña a desprotección sanitaria no PAC de Ordes, logo que anunciara unha praza estrutural de enfermería para cubrir as quendas de tarde de luns a sábado, as da noite do sábado e as de mañá e tarde do domingo, deixando sen cobertura todas as noites de luns a venres e as noites dos domingos, nun servizo que ten por obxectivo, como a súa propia denominación evidencia, garantir unha atención sanitaria continuada.

Segundo a portavoz nacionalista de Sanidade hospitalaria, Iria Carreira, o anuncio realizado  en comisión parlamentaria polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, en resposta á súa pregunta incumpre ademais o acordo de desconvocatoria da folga de 2019 dos PACs galegos, polo que o Goberno do PP se comprometeu a cubrir todos os PACs con 2 médicxs ou máis coas prazas de enfermería que restasen para ter equipos completos.

Carreira advertiu que o PAC de Ordes é -tal e como reflicten os datos da propia Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela- o PAC que, á marxe do de Santiago, máis asistencias externas rexistra, con máis de 22.200 atencións fóra do centro en 2019, o que sumado ao amplo espazo xeográfico que cubre este PAC (próximo aos 500 km2) o que supón saídas de ata dúas horas), implica que a atención no propio centro durante este tempo “é asumida pola única sanitaria que queda”.

Ante esta situación, obxecto de grande preocupación tanto para a veciñanza de Ordes como para o BNG, que xa ten trasladado ao pleno municipal iniciativas para a cobertura completa da segunda praza de enfermería, a deputada nacionalista considerou imprescindible garantir a presenza de dous equipos completos no PAC.

Logo de avanzar que o Bloque manterase vixiante para que a incorporación anunciada hoxe para o próximo 1 de marzo se faga efectiva e dado que, aínda así, o Sergas non cubre as necesidades reais do PAC, Carreira incidindo na necesidade de que a Xunta dote con dous equipos completos ao centro, “mais o certo é que por parte da Consellería de Sanidade non son quen de resolver”, concluíu.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG