O BNG blindará os servizos sociais desde o goberno da Xunta a través dun Servizo Galego de Benestar que “garanta dereitos e poña fin á política de privatización e mercadeo do Partido Popular e das súas sucursais”. Noa Presas avanza que o benestar e o coidado das persoas serán prioritarias para o goberno do BNG, especialmente para reducir as desigualdades e ampliar os servizos públicos esenciais. Implantación progresiva e xeneralizada da Tarxeta Social Galega e o incremento do persoal dos Equipos de Valoración e Orientación da dependencia, entre as medidas destacadas.
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, acompañada polo portavoz municipal, Luis Seara, e a concelleira, Erea Blanco, mantén un encontro en AIXIÑA coas asociacións do terceiro sector. Presas aproveitou a ocasión para avanzar o modelo do BNG para blindar os servizos sociais desde o goberno galego da Xunta cun Servizo Galego de Benestar que garanta dereitos e poña fin á política de privatización e mercadeo do Partido Popular e das súas sucursais.
O BNG aplicará unha política de colaboración co terceiro sector, unha peza fundamental da nosa sociedade grazas á que milleiros de persoas saen adiante. “Traballaremos man con man co sector para impulsar unha nova Lei galega para as persoas con discapacidade”.
Un SERGAS no ámbito dos servizos sociais
“De igual maneira que todas as galegas e galegos estamos orgullosos da creación do SERGAS e da súa existencia, co BNG no goberno haberá un SERGAS no ámbito dos servizos sociais. Un verdadeiro Servizo Galego de Benestar que aglutine todas as necesidades, que estabeleza rateos de persoal, como prestar os servizos no territorio, etc” afirma a cabeza de lista.
O BNG quere garantir a xestión pública dos servizos a comezar polas residencias da terceira idade, centros de persoas con discapacidade, centros de día e Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A atención á terceira idade ou ás persoas con discapacidade é un servizo público que debe ser xestionado integramente pola Xunta de Galiza rematando co actual esquema perverso de privatización directa ou indirecta e de mercantilización.
Así mesmo, Presas sinala que esta medida irá acompañada do desenvolvemento da Tarxeta Social Galega “para que teñamos un instrumento que contemple as nosas necesidades e os nosos dereitos”. A implantación desta sería de maneira progresiva e xeneralizada para que proporcione, de maneira áxil e directa, información relativa á situación social da persoa así como dos servizos e prestacións que recibe e aos que ten dereito
Incremento do persoal dos Equipos de Valoración e Orientación da dependencia
“Non se pode consentir que haxa xente que morra -e isto dino os propios inspectores e a propia Valedora do Pobo- agardando unha valoración” denuncia Presas. Para evitar esta situación, o BNG comprométese a incrementar o persoal dos equipos de valoración e orientación da dependencia corrixindo os índices de Galiza e, sobre todo, os de Ourense que conta cos peores de todo o País.