O Bloque Nacionalista Galego consegue un acordo na Comisión de Economía e Transformación Dixital da cámara baixa para instar o Goberno do Estado a garantir a extensión de fibra óptica á Galiza toda, con especial atención ás zonas do rural. O deputado do BNG, Néstor Rego, logrou o apoio moi maioritario, coa excepción da ultradereita, para que sexa garantida a chegada “en tempo e forma” dun servizo público esencial que, por norma, debe ser accesíbel para todo o mundo.
A través dunha iniciativa impulsada e defendida polo BNG, o Congreso insta o Goberno do Estado a garantir a chegada da fibra óptica á Galiza toda, ofrecendo especial atención as zonas rurais do País que contan cunha característica específica: a dispersión poboacional. “Con esta Proposición Non de Lei queremos, desde o BNG, defender a necesidade de que os núcleos, sobre todo do rural, non fiquen desconectados ante o apagamento da era do cobre” sinala Rego.
Para e organización nacionalista, trátase dun servizo público “que rebe ser accesíbel para todo o mundo”, independentemente do lugar en que se viva. “Non ten ningún sentido que, de forma recorrente, se fale de loitar contra o despoboamento mentres non se levan a cabo medidas para que servizos coma este poidan estar operativos en tempo e forma tamén nas zonas rurais” asevera o deputado do BNG durante a defensa.
O BNG impulsa o consenso entre as forzas políticas
No concreto, os puntos resolutivos da iniciativa transaccionada -co obxectivo de conseguir o consenso das forzas políticas con representación da Galiza- recollen a necesidade de acelerar o desenvolvemento do regulamento da Lei Xeral de Telecomunicacións co fin de pór en marcha as medidas contempladas para a axilización dos trámites nos despregamentos de fibra óptica e evitar que núcleos e vivendas do ámbito rural da Galiza queden desconectados ante o apagamento da era do cobre que porá fin ás antigas liñas fixas de teléfono e á conexión ADSL a internet, sen que se vexa afectado o servizo das persoas abonadas, promovendo o despregamento de fibra óptica.
Por outra parte, o Congreso insta o Goberno do Estado a “acelerar o despregamento da fibra óptica e das redes 5G nas zonas rurais para garantir a chegada da fibra óptica a 100% dos fogares das zonas rurais da Galiza caracterizada por unha gran dispersión poboacional e estabelecer mecanismos para asegurar igualdade e acceso universal ás novas tecnoloxías”.
“Coordinar coas operadoras de telefonía e as administracións implicadas o proceso de extensión da fibra óptica no ámbito rural galego de modo que non se produzan problemas de demora, incumprimentos de datas e situacións de incomunicación e de illamentos de núcleos de poboación ou de vivendas e que se compatibilice adecuadamente a fase de substitución, sobre todo en zonas escuras de cobertura de telefonía móbil que non terían alternativa” estabelece o terceiro punto aprobado.
Por último, o BNG consegue aprobar que se cree unha campaña para informar adecuadamente á poboación sobre o apagamento da era de cobre e habilitar un mecanismo de reclamacións, incluíndo a habilitación do Punto de Xestión Único, para que as persoas, especialmente as do medio rural, damnificadas polo proceso de substitución poidan canalizar as súas queixas e reclamacións de forma fácil, áxil e directa. Ademais, ofrecerase un servizo de acompañamento personalizado para persoas idosas.