A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón iniciou a súa comparecencia ante os medios de comunicación cunha lembranza ás vítimas da terrible explosión pirotécnica en Tui que deixou un balance tráxico. Desde o BNG, dixo Pontón, “xa reclamamos axudas para as familias que perderon as súas vivendas, reclamamos tamén que se investigue a fondo para determinar que fallou e poñer en marcha medidas e controis que impidan que volva suceder nada parecido”.
Pontón volveu a transmitir a solidariedade, apoio e afecto do BNG a todas as persoas afectadas pola explosión que foi seguido dun sonoro aplauso por parte de todos os membros do Concello Nacional.
O BNG DENUNCIA A REPRESIÓN E INVOLUCIÓN POLÍTICA DO ESTADO
A nacionalista explicou que apenas pasaron dous meses desde a celebración do último Consello nacional, pero a intensidade informativa altera a percepción temporal, e resumiu en tres titulares a cascada de acontecementos que estamos a vivir. En primeiro lugar afirmou, o Estado español segue enrocado na represión e nunha deriva reaccionaria e involutiva sen precedentes que se plasma na insistente aplicación inconstitucional do artigo 155 e todo indica que esta deriva vai máis alá de Catalunya e nos afecta a todas as nacións sen estado. Estamos ante un Estado español “tirado ao monte” que mesmo foi deslexitimado pola xustiza alemán e belga, empeñado en criminalizar calquera discrepancia que cuestione o réxime falido e fracasado do 78.
O segundo titular define a actualidade política deste momento no que que o PP
xa é oficialmente o primeiro partido de Europa condenado por corrupción, “un fito que si viviramos nunha verdadeira democracia tería provocado a dimisión inmediata de todo o goberno e do Partido popular”. Raxoi empeñase en minimizar o problema declarando que estamos ante mazás podres, pois ben, nós dicimos que “o que está podre é o cesto completo”
A sentenza do caso Gürtell confirma, recalcou Pontón, que había caixa B, que se cobraban sobresoldos en negro, -incluído o misterioso M. Raxoi-, e que a formación que sostén o Goberno, -no Estado e en Galiza-, tiña montado “un auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional”.
Quedou claro que “o PP é unha organización corrupta que roubou cartos públicos a mans cheas, que alterou a libre competencia na adxudicación de contratos, que provocou sobre custes de millóns de euros nas obras públicas, que xogou con vantaxe nas eleccións dopado con diñeiro negro,... E detrás dese latrocinio, detrás desa corrupción sistémica, detrás dese vantaxismo electoral, están os recortes que provocaron tanto sufrimento a millóns de persoas.
“Dalgunha maneira había que equilibrar as contas públicas. E o que roubaban por un lado en cobro de comisións, nas mordidas na adxudicación de obras, nos contratos a amiguetes e ás empresas financiadoras do PP, compensábase a base de recortar, recortar e recortar”, afirmou Pontón.
CONEXIÓN GÜRTEL CON GALIZA
O caso Gürtell, manifestou a nacionalista, naceu en Galiza. Non esquezamos que un dos seus principais actores foi o ex responsable de organización do PPdeG, Pablo Crespo, man dereita de Fraga e que Feixóo mantivo no consello de administración de Portos do Galiza. “Ese mesmo Pablo Crespo que en 2013 declaraba nun programa televisivo de máxima audiencia que o 65% do diñeiro das campañas do PP en Galiza era en negro”. Pontón anunciou que o BNG xa solicitou “a comparecencia de Feixóo no Parlamento, nun pleno extraordinario e urxente para que explique a trama galega da Gürtell, se pronuncie sobre a continuidade de Raxoi, e dea a cara ante a corrupción do seu partido”.
O terceiro titular, dixo a portavoz do BNG, refírese a “Feixóo que sigue instalado na súa subordinación a Raxoi, sen importarlle o prezo que a súa irrelevancia política ten para Galiza”. O último exemplo témolo no protocolo da “vergoña e do roubo” á cidade da Coruña. Feixóo anuncia que imos agasallar a Portos do Estado con 21 millóns de euros, para que uns terreos que xa son públicos continúen a ser públicos. “Un auténtico disparate”.
O Estado fixo investimentos millonarios na construción e ampliación dos portos de Xixón, Bilbao, Valencia ou Barcelona, -por valor de 5.000 millóns de euros-, pero chega a Galiza e di que para financiar Punta Langosteira hai que vender os terreos do porto.
GALIZA SAE A RÚA A PROTESTAR
Pero non todos os titulares son negativos, observou a portavoz do BNG. Pese a deriva reaccionaria do Estado, pese á corrupción sistémica do PP e pese a un Feixóo convertido en parte do problema e non da solución, asistimos a unha intensa mobilización social. As rúas enchéronse de milleiros de mulleres, de xente moza, de pensionistas, de traballadores e traballadoras..., enchéronse para loitar contra o machismo, para reclamar pensións dignas, para recuperar os dereitos perdidos ou en defensa da lingua.
Unha mobilización social que desde o BNG apoiamos e da que “me sinto moi orgullosa porque constata a existencia dunha cidadanía activa e reivindicativa, UN pobo que non se resigna senón e que está disposto a loitar para defender unha vida digna e nunha Galiza con futuro”
O BNG APOIA A FOLGA XERAL DO 19 DE XUÑO
Dentro desa rebeldía social, o 19 de xuño, anunciou, imos volver masivamente ás rúas na folga xeral convocada pola CIG, o sindicalismo que non se enrruga e está disposto sempre a defender os dereitos sociais e comprometido co noso país. Unha folga xeral que será unha moción de censura ás políticas antigalegas de Feixóo pero tamén unha moción de censura contra a corrupción do Partido popular e “a podredume que rodea o réxime do 78”.
O BNG ENCARA ÁS MUNICIPAIS PARA DESALOZAR DA XUNTA AS POLÍTICAS DE RECORTES
Nesta sentido, indicou que o BNG aspira a ser o referente do cambio político que precisa Galiza para “pasar a folla dos anos escuros do PP e de Feixóo e abrir un tempo novo”.
“As eleccións municipais son o primeiro paso para desaloxar da Xunta as políticas dos recortes, do deterioro dos servizos públicos, para desaloxar a corrupción, a propaganda e a mentira institucionalizada, para dar carpetazo á submisión dun PP que conduce a Galiza á irrelevancia política”. O BNG enfronta estas eleccións municipais con optimismo e desde a confianza. “Temos, un proxecto político solvente, un proxecto coherente de país e, sobre todo, o aval dos concellos que son referentes de honradez, de honestidade, de políticas para as maiorías sociais, que defenden a calidade de vida, o noso idioma e cultura e a rexeneración urbana e dinamismo económico e social”.
Os concellos do BNG levan anos demostrando que temos un proxecto ilusionante e transformador, explicou e que conseguimos situarnos como referente de cambio nas cidades. Os concellos BNG son unha marca de calidade e demostramos que temos solucións aos problemas: da Mobilidade urbana , comercio de proximidade, abaratar o recibo da luz, coidar o patrimonio, promover a lingua e a cultura do país, a xestión ambiental sostible, así como modelos urbanos de proxección internacional. Un “bo facer” que aínda nos fai máis ambiciosos e máis inconformistas para seguir construíndo “nación dende os concellos”
O Consello Nacional continúa coa preparación das eleccións municipais, coa militancia nas comarcas en pleno proceso de selección dos mellores candidatos e candidatas para representarnos en todos os concellos do País e a nosa previsión é ter designados ás e os cabezas de lista ás grandes cidades antes do 25 de Xullo e queremos candidaturas que combinen experiencia e renovación e con propostas nas que tamén estamos a traballar. Imos a ir a por todas e tendendo a man ás persoas que confían en Galiza e que levan a Galiza na súa cabeza e no seu corazón.
“Enfrontamos as eleccións municipais como un tempo novo para Galiza e para deixar atrás ás políticas que maltratan á maioría social creando desigualade e emigración e esas políticas que nos negan como nación.”
Xa mo tendes escoitado moitas veces pero non me canso de repetilo: Hai que reilusionar aos galegos e as galegas e nese camiño sabemos cales son os retos aos que nos imos enfrontar pero imos facelo con ilusión e decisión porque somos unha organización forte e comprometida.