Unha candidatura “que suma a favor do país desde a diversidade cando outras forzas se dividen”, destacou a portavoz nacional, Ana Pontón, quen agradeceu o apoio de CxG. “Necesitamos unha voz galega que coloque na axenda do Estado as cuestións clave para Lugo”, recalcou, tras manifestar o compromiso de utilizar a forza que teña no Congreso para condicionar a política de Estado a favor de Galiza.
“O compromiso do BNG é moi claro: se temos a confianza dos e das galegas a partir do 10N condicionaremos calquera apoio de investidura a que teñamos un prezo xusto e competitivo da electricidade para salvar as nosas industrias electrointensivas e o emprego en ALCOA, a que teñamos unha tarifa eléctrica galega que permita a sociedade beneficiarse da riqueza deste país”, proclamou en Lugo.
Unha defensa de Galiza que contrapuxo co entreguismo dos representantes das forzas estatais: “foi unha vergoña ver como estes seis meses con todos os problemas que temos nin un só dos 23 deputados e deputadas alzou a voz para dicir que a investidura tiña que condicionarse á existencia dunha axenda galega”.
A líder nacionalista instou a “transformar o cabreo nun voto que defenda dos intereses dos galegos e das galegas”, ao tempo que se preguntaba “como pode ser que veña o presidente da Xunta e a ministra de Transición Enerxética a ALCOA sen unha soa solución cando hai tantos empregos en risco. A situación de crise desta factoría é responsabilidade directa dun PP e dun PSOE que crearon un marco eléctrico que aboca ao peche unha fábrica estratéxica nesta provincia e no país”.
Precisamos deputados e deputadas que defendan o futuro de ALCOA, a modernización do ferrocarril en Lugo, coas mans libres para defender o saneamento das rías e os sectores produtivos básicos desta provincia para xerar valor engadido, recalcou.
Rodil afondou nos mesmos argumentos. “Somos conscientes da frustración e do cabreo ante esta repetición electoral, pero debemos converter o 10N nunha oportunidade para que Lugo volva ter presencia no Congreso para facerse valer ante o Goberno do Estado, e acabar coa discriminación e o desprezo das forzas estatais”.
“Un ninguneo político que vemos cada vez que nos repiten que van aprobar un estatuto para as electrointensivas que nunca chega, non pode ser que un país como o noso que produce electricidade a esgalla teñan miles de empregos en xogo polos custes enerxéticos”, criticou. E non é o único asunto no que Madrid ignora os problemas da provincia.
“Tamén se ven nunhas infraestruturas ferroviarias que empeoran, como a conexión con Barcelona ou no feito de ter a única vía sen electrificar do país, cun FEVE cada día máis desmantelado na comarca da Mariña, un ninguneo nas infraestruturas pero tamén en dereitos sociais e laborais”, denunciou Rodil. Por iso, proclamou, “saímos a por todas para poñer Lugo no mapa, porque temos dereito a vivir e traballar aquí, desta vai que Galiza volve ter representación no Congreso”.
Pontón destacou “un BNG á alza que suma e ofrece seriedade, rigor, traballo e o compromiso de que non imos fallar, porque o Bloque non foi parte do problema e quere ser parte da solución, porque Galiza ten dereito a un futuro mellor e para iso hai que ter peso político que só vai vir dunha forza propia e coas mans libres como o BNG. E sen maiorías absolutas, os deputados e deputadas nacionalistas van condicionar a política do Estado a favor do país”, concluíu.