O BNG condena o ataque das forzas armadas marroquís contra civís saharauís

Saharaui
Este é un episodio máis nun proceso de ocupación que dura xa máis de 44 anos, no que Marrocos actúa saltándose todas as resolucións internacionais e sentenzas ao respecto

O Bloque Nacionalista Galego condena o ataque perpetrado este venres polas forzas armadas marroquís contra civís saharauís desarmados que levaban desde o 21 de outubro bloqueando de xeito pacífico o paso ilegalmente aberto por Marrocos no Guerguerat, impedindo o tránsito cara o Sahel de produtos e recursos espoliados ao pobo saharauí nos territorios ocupados do Sahara Occidental.

Así mesmo mostramos o máis firme apoio ao pobo saharauí, e ao seu lexítimo representante o Frente Polisario, na súa loita contra a ocupación militar e polo exercicio do dereito de autodeterminación e a independencia, nestes momentos de alerta máxima, debido ao aumento da tensión provocada pola agresión marroquí.

A Fronte Polisario considera esta actuación militar como unha agresión por parte de Marrocos, que viola o acordo de alto ao fogo asinado en 1991, aumentando as tensións no Sahara Occidental e ameazando a seguridade na zona. Un ataque ao que as forzas militares da RADS contestaron en lexítima defensa da poboación civil e do seu territorio e a súa soberanía.

O Reino de Marrocos non ten lexitimidade nin competencia para actuar contra o pobo saharauí, non ten xurisdición algunha sobre o Territorio do Sáhara Occidental, tal e como ditan as resolucións de distintos organismos internacionais e da ONU.

Este é un episodio máis nun proceso de ocupación que dura xa máis de 44 anos, no que Marrocos actúa saltándose todas as resolucións internacionais e sentenzas ao respecto, non permitindo a celebración do referendo polo dereito de autodeterminación do Sáhara Occidental, erguendo muros no seu territorio, sementando minas e condenando ao exilio a centos de miles de saharauís que permanecen refuxiados/as nos campamentos de Tindouf, mentres outros/as son perseguidos/as, represaliados/as e presos no seu propio territorio, amais da constante vulneración dos máis elementais dereitos humanos.

Nestes 44 anos o Estado español e a “comunidade internacional” teñen abandonado ao pobo saharauí, e actuado de consentidores da ocupación ilexítima por parte de Marrocos do seu territorio e da vulneración dos seus dereitos políticos e humanos. Esiximos a rectificación desa política e polo tanto o cese inmediato dos programas de cooperación militar e venda de armas a Marrocos e a adopción de políticas económicas e comerciais que respecten o dereito dos e das saharauís a dispor dos seus recursos no seu territorio.

Só o cese da ocupación e o exercicio do dereito á autodeterminación do pobo saharauí poden achegar unha solución ao conflito, por iso o BNG fai un chamamento ao Goberno español e á Unión Europea a que condenen este ataque que supón unha flagrante violación do alto ao fogo por parte de Marrocos e que asuma dunha vez por todas un papel activo esixindo á ONU a convocatoria do Referendo de Autodeterminación do pobo saharauí.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG