Neste sentido, o BNG expresa o seu total apoio ao “Comité Permanente pola Defensa dos Dereitos Humanos”, (CPDH-Caldas), que o pasado venres denunciou ante distintas administracións as ameazas recibidas por diferentes líderes sociais e partidos políticos que defenden os dereitos humanos.
“Sumámonos á reclamación para que o goberno colombiano garanta o libre desenvolvemento da promoción dos dereitos humanos, así como o respecto e a protección da vida dos representantes das organizacións sociais e políticas”, manifesta a portavoz do Bloque en Europa.
Ana Miranda, que en representación do grupo Verdes-ALE hai meses participou nunha delegación oficial de observación do Parlamento Europeo das eleccións presidenciais colombianas, considera que “resultan imprescindibles” todos os esforzos para manter a paz nun contexto de “post conflito”, despois do acordo asinado polas FARC-EP e o Goberno de Colombia en novembro de 2016 tras 53 anos de conflito armado.