O BNG avanza o rexistro de emendas á Proposición de Lei de Seguridade Cidadá, durante a súa tramitación no Congreso, co obxectivo de conseguir a derrogación total da Lei Mordaza aprobada polo Partido Popular e garantir o exercicio de dereitos democráticos esenciais. No concreto, o deputado do BNG, Néstor Rego, defenderá eliminar os elementos coercitivos agresivos que impliquen risco para a saúde e integridade física das persoas -balas de goma ou similares-, suprimir a presunción de veracidade dos policías, introducir a exixencia de sólida documentación -por medio de actas- das actuación policiais, así como a eliminación da infracción grave a respecto do uso de imaxes dos axentes.
“Concibida, a Lei Mordaza, como unha ferramenta de represión e de conculcación de dereitos como o de reunión e manifestación, esta lei debería ter sido derrogada de forma inmediata após a caída do último goberno de M. Raxoi” sinala o deputado do BNG no Congreso. No entanto, os goberno do PSOE-Unidas Podemos-Sumar até agora “non só non a derrogou senón que foi o goberno que máis a empregou”.
Neste contexto, e en aras de cooperar nunha áxil tramitación do texto que incorpora mudanzas significativas, o BNG apoiou a Proposición de Lei de protección das liberdades e seguranza cidadá, non sen sinalar desde o comezo que existen “cuestións moi relevantes” que aínda fican por mudar. “Traballaremos na fase de tramitación para incorporar aspectos que permitan camiñar para unha norma que realmente garanta o exercicio de dereitos democráticos esenciais” subliña Néstor Rego.
No concreto, aínda que algunhas medidas -das máis controvertidas da Lei de Seguranza Cidadá aprobada en 2015- son mudadas, existen outras que se retocan levemente ou mesmo que se manteñen polo que “continúan a ser problemáticas, comezando porque as melloras van pensadas ao ex post facto, á revisión xudicial posterior da actuación policial e iso non vai evitar os excesos policiais”.
“A lei mantén a retención policial no caso de non posibilidade de identificación e non prevé unha sólida documentación (por medio de actas) das actuacións policiais. Mantense tamén a infracción grave do artigo 36.23 sobre uso de imaxes dos axentes e a presunción de veracidade do artigo 52” afirma o deputado nacionalista.
No que atinxe ao uso de proxectís de goma, a pesar de incorporar a substitución progresiva, “por outros menos lesivos”, non se estabelece prazo e, alén do máis, “cremos que o lóxico é que se abandone totalmente o uso de elementos coercitivos agresivos que impliquen risco para a saúde e integridade física das persoas”.