BNG comprométese a loitar por unha Lei Audiovisual que garanta a pluralidade lingüística do Estado

Encontro audiovisual
Encontro audiovisual

Rego recolle as achegas realizadas polas entidades académicas, do sector audiovisual e da defensa da lingua galega

“Partillamos a análise que fan as entidades, o proxecto é moi tímido no recoñecemento da diversidade cultural e lingüística e hai que modificalo para que a pluralidade sexa un principio básico na nova lei” subliña o deputado do BNG

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, mantén unha reunión coas entidades académicas, do sector audiovisual e da defensa da lingua galega para falar sobre o Proxecto de Lei Xeral de Comunicación Audiovisual aprobado polo Goberno de coalición. Todas as organizacións coinciden no escaso recoñecemento práctico da diversidade cultural e lingüística para as que non se garante unhas condicións mínimas de equidade. O deputado nacionalista comprométese a presentar emendas e así incorporar no texto a pluralidade lingüística como principio básico e que este texto poida ser a oportunidade para “o recoñecemento real, a difusión e o impulso da diversidade cultural e lingüística no audiovisual”.

A Mesa, AGAG, AGAPI, AGPTI, Crea, o Grupo de Estudos Audiovisuais e APRADOGA convocaron ao deputado do BNG no Congreso para manter unha xuntanza e abordar os cambios que imprescindíbeis no novo Proxecto de Lei para garantir os dereitos lingüísticos. Todas as organizacións subliñaron a gran importancia que ten a lingua galega como “maior obra colectiva do pobo galego” e o audiovisual como “un sector estratéxico con gran capacidade para contribuír no desenvolvemento lingüístico, cultural e económico” do País.

Entenden que este texto lexislativo pode ser unha oportunidade para o recoñecemento real da diversidade lingüística do Estado español e para o seu impulso. Tal e como puxeron de manifesto as distintas organizacións que fan parte desta iniciativa, “o texto proposto polo Goberno é moi tímido no recoñecemento práctico da diversidade cultural e lingüística para as que non garante condicións mínimas de equidade no financiamento anticipado, na dobraxe, a lexendaxe, interfaces, webs e audiodescricións” enumera o deputado do BNG.

Por este motivo, o BNG reafirma o seu compromiso de presentar as emendas precisas para que se recoñeza “a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán”. Medidas concretas para garantir e impulsar o galego e o resto de linguas oficiais distintas do español, así como o estabelecemento dun mínimo de cota de programación e catálogo nestas mesmas.

“A isto hai que engadirlle unha cota de financiamento anticipado de producións europeas, elevando a 20% e unha cota de financiamento para producións en linguas oficiais propias estabelecendo un mínimo para elas” indica o deputado do BNG. Rego tamén sinala que tanto os servizos de comunicación audiovisual lineais como a petición deben estar obrigados a cumprir estas cotas.

Alén do máis, a formación nacionalista comprométese a rexistrar emendas para descentralizar os centros de referencia recollidos na normativa. “Non é razoábel que un centro estatal sexa a referencia para todas, por iso presentaremos emendas para que os territorios con lingua propia poidan crear este organismo propio e asegurar a calidade lingüística” explica Néstor Rego.

“Incidiremos na necesidade de axustar á realidade a definición de produtor independente, tal e como nos trasladan as entidades do audiovisual, así como o respecto pola normativa vixente de propiedade intelectual e dereitos de autor” subliña o deputado nacionalista. Para rematar, avanza emendas sobre os arquivos históricos audiovisuais e sonoros. “Queremos que o servizo público de comunicación audiovisual da Galiza vele pola conservación dos arquivos e regule o acceso aos materiais audiovisuais e sonoros de conformidade co disposto no seu mandato-marco” conclúe Rego.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG