A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, mantivo un encontro coas veciñas e veciños do Concello de Barbadás de cara as eleccións do vindeiro 12X. A candidata fixo un chamamento a toda persoa que non se resigna e que “pensa que Ourense merece máis”, así como criticou o retraso da posta en marcha da Tarxeta nova e a falta de transporte metropolitano e o “electoralismo do Partido Popular” ante os recentes anuncios.
“Estamos convencidas de que Ourense vai ser unha praza importante na que o BNG vai xogar un papel determinante” comezou sinalando Noa Presas. Asemade, que o medre do BNG nos comicios do vindeiro 12 de xullo “suporá a perda da maioría absoluta do Partido Popular” .
A candidata mostrouse confiada na posibilidade de que o BNG poida liderar o cambio político da man da primeira presidenta na historia do país. Unha candidata, Ana Pontón, que tamén pasaría a ser a primeira presidenta nacionalista que convidou a “facer historia o 12X e comezar a construír unha nova Galiza”.
Desde o BNG sinalaron que é preciso “un goberno que se faga valer” e apuntaron que “o PP está nervioso porque o cambio galego está cada vez máis cerca: en Ourense só gobernan, de vilas importantes, en Ribadavia –e non porque o BNG non contribuíra a que houbera un goberno progresista- e na cidade por unha carambola e engano”.
Por outra banda, a cabeza de lista criticou “o cinismo e a hipocrisía” do Partido Popular e a discriminación que sofre a circunscrición de Ourense a respecto do transporte público e sobre todo para a mocidade ourensá. Exemplificouno na Tarxeta Nova, que “chega seis meses tarde” despois de que se implantara no resto do país e sinalou que continúa sen terse un “transporte metropolitano en Ourense que segue sendo unha necesidade para a veciñanza”.
Presas sinalou que tanto a Xunta de Galiza coma os gobernos municipais implicados non son quen de resolver esta deficiencia e mesmo os numerosos problemas que provoca o actual sistema de transporte: “non resolve os abusos tarifarios que existen en tramos como Xinzo-Ourense”. Desde o BNG comprométense a corrixir esta situación a partir do 12X liderando a Xunta de Galiza con Ana Pontón e eliminar a discriminación que acontece en Ourense.
A maiores dos concellos orixinais que figuran no Plan de Transporte aprobado de maneira inicial pola Xunta de Galiza, desde o BNG defenden que se inclúan concellos próximos á capital de Ourense tales como A Peroxa, Vilamarín, Paderne de Allariz, Nogueira de Ramuín e Taboadela.