Galegas 2020

O BNG comprométese a executar as competencias da Xunta en medio ambiente se a partir do 12X Ana Pontón é presidenta

Bouzas
Bouzas
As candidatas Alexandra Fernández e Carmela González e a portavoz do Bloque en Europa mantiveron un encontro con colectivos ecoloxistas para trasladarlles as propostas nacionalistas

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e as candidatas do Bloque número 3 e 5 pola provincia de Pontevedra, Alexandra Fernández e Carmela González, expresaron o firme compromiso da formación nacionalista cun desenvolvemento sostible que aborde a transición enerxética fronte ao inmobilismo do PP e a ausencia de proxectos medioambientais. Así o explicaron na reunión que, xunto ao responsable local, Serafín Otero, mantiveron con representantes de diversos colectivos ecoloxistas no paseo de Bouzas.

“Se Ana Pontón é presidenta a partir do 12 de xullo no BNG comprometémonos a asumir e executar as competencias galegas en materia de medio ambiente que non exerceu o PP nestes once anos de goberno de Feijóo”, subliñaron as nacionalistas no encontro, no que participaron Serxio Regueira, Eloy Piñeiro e Antón Sánchez, da Asociación en Defensa da Ría e Alfredo López, por parte de CEMMA. Ademais, Greenpeace, nun encontro telemático con Ana Miranda expresou o seu respaldo as propostas do BNG e valorou positivamente o traballo da formación nacionalista na defensa da calidade das augas, tanto das rías como dos ríos.

A candidata número 3 do BNG pola provincia de Pontevedra destacou que as políticas medioambientais en Galiza teñen que abordar grandes retos, xa que a emerxencia climática “interpélanos ante a urxencia de defender o noso sistema ecolóxico e ademais interpélanos porque a transición enerxética é unha realidade e vai impor unha transformación dos modelos de produción e de consumo”.

Política do PP: depredación do territorio

“Cremos que eses retos hai que abordalos desde dúas estratexias: por un lado dende a protección, xa que nestes 11 anos as políticas do Partido Popular consistiron na depredación do territorio, do patrimonio e dos recursos e é necesario paralizar esa política de depredación”, afirmou Alexandra Fernández. Neste sentido, puxo como exemplo que nestas últimas semanas “o PP aproveitaba para darlle adiante proxectos como o parque eólico na serra do Galiñeiro, aproveitando unha situación de alerta sanitaria na que os colectivos non podían mobilizarse nin tomar postura”.

Pola contra, a candidata nacionalista avogou por darlle un forte impulso á participación e ao diálogo coas diversas plataformas ecoloxistas que traballan na protección do medio ambiente. Ademais de defender a posta en marcha dunha política de protección, sinalou que o cambio na Xunta tamén pode ser “unha oportunidade para o país, para diversificar a súa economía e camiñar cara unha economía verde, a produción local e o consumo de quilómetro cero”.

“Nos once anos de goberno do PP, Feijóo utilizou o medio ambiente como arma de cambio, lanzando proxectos que degradan o territorio e estando ao lado das grandes multinacionais en vez das organizacións medioambientais, ás que non escoitou en ningunha das súas consellerías”, manifestou nesta liña Ana Miranda. “A participación, escasa; a información ambiental, nula”, criticou a portavoz do Bloque en Europa, quen considerou que “se o BNG chega ao goberno cunha presidenta como Ana Pontón, será ecoloxista, escoitará ao sector medioambiental e sobre todo defenderá o territorio, defenderá as nosas rías, defenderá os nosos montes e que a xente poida vivir nun espazo medioambiental coidado”.

Defensa do saneamento en Galiza e Bruxelas

No encontro, Miranda fixo referencia ao continuado traballo desenvolvido polo BNG en defensa da calidade das augas, tanto das rías como dos ríos e lembrou as xornadas organizadas en Bruxelas e en Caldas de Reis coa participación de representantes de asociacións ecoloxistas de toda Galiza. A portavoz do Bloque en Europa tamén fixo mención á vixilancia que fai o BNG do investimento dos fondos europeos, que segundo explicou “non sempre é axeitada e acorde coas necesidades do país”.

Tras a reunión coas asociacións ecoloxistas celebrada en Bouzas, a candidata Alexandra Fernández, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, e o responsable local, Serafín Otero, fixeron un percorrido polo Paseo Paz Andrade xunto a representantes da Asociación Cultural de Bouzas. Na visita comprobaron como continúa o total abandono e falta de mantemento do paseo, froito do desleixo das distintas administracións.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG