BNG e CIG promoven unha axenda de mobilizacións contra as reformas involucionistas do PP

REUNION BNG CIG2

As direccións do BNG e da CIG, coa presenza de Xavier Vence e Xesús Seixo, coincidiron en promover unha “axenda mobilizadora” para enfrontar o paquete de reformas lexislativas “involucionistas” que supón un retroceso sen precedentes en dereitos sociais e cívicos da clase traballadora e do conxunto da cidadanía.

“Queremos chamar a atención sobre un paquete de medidas que supón unha involución de moito alcance nos dereitos sociais, cívicos e económicos da cidadanía”, explicou Vence, que insta a toda sociedade “a defenderse ante esta involución nos dereitos conquistados” e demostrarlle ao PP que “non está disposta a permitir unha regresión deste calibre”.

Os proxectos de Lei de Seguridade Cidadán, da Lei de Mutuas, a reforma fiscal ou o Tratado de libre comercio entre UE-EEUU, todos en plena tramitación nas parlamentaria, conforman ese paquete normativo que, segundo a deputada Rosana Pérez, supón “un golpe á democracia” por parte do Goberno de Rajoy

Vence denunciou as consecuencias desta lexislación, empezando pola futura Lei de Seguridade Cidadán que “é un paso de xigante cara a instaurar un estado policial”, ademais de criminalizar e reprimir calquera tipo de contestación social. “Non podemos aceptar que a acción pacífica contra as medidas do PP sexan penalizadas”, subliñou. As mobilizacións se iniciarán en novembro, co calendario que se negocie no seo da Alianza Social Galega, segundo explicou Seixo.

A Lei de Mutuas que propón o PP establece un “control perverso” da saúde laboral, dando a prerrogativa das altas e baixas dos traballadores e traballadoras a unhas entidades privadas, abre a porta a unha regulación “perigosa” na xestión dos riscos laborais e implica para Galiza un menosprezo das competencias do sistema público de saúde.

“Imos cara un réxime de privatización progresiva da saúde laboral, cara un réxime disciplinario que vulnera o dereito á saúde das persoas e nos devolve ao século XIX”, denuncia Vence.

O portavoz nacional tamén fixo referencia á reforma fiscal que favorece ás grandes corporacións mentres penaliza ao consumidor, na que se prima ás rendas altas en detrimento das rendas medias e baixas. Idea na que afondou Seixo ao lembrar que o salario medio está por debaixo dos 16.000 euros anuais, e que son as rendas inferiores a esta contía as que menos se benefician da reforma fiscal que ultima Madrid.

BNG e CIG tamén rexeitan os termos do Tratado de Libre Comercio UE-EEUU que, denunciou Pérez, está rodeado dun “total escurantismo” informativo por parte do Goberno central. “Este tratado só interesa ás grandes corporacións europeas e norteamericanas, pero vai en contra dos sectores produtivos, dos servizos públicos e arrasa coa soberanía dos pobos”, advertiu Vence.

Ademais do traballo realizado a nivel institucional cas emendas e iniciativas presentadas contra este paquete de reformas involucionistas, BNG e CIG desenvolverán “unha axenda conxunta de información, concienciación e mobilización da cidadanía” para facer fronte a estas “auténticas amezas” ao país e a súa clase traballadora, concluíu Vence.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG