O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia as emendas presentadas aos Orzamentos do Estado para 2023 consensuadas coa área pública da Confederación Intersindical Galega (CiG) durante unha reunión cos secretarios nacionais da CiG-Ensino, Suso Bermello; CiG-Saúde, Manuel González Moreira; e a CiG-Administración Pública, Luis Carballo Pose. Ambas organizacións demandan a eliminación da taxa de reposición de efectivos, para garantir unha adecuada cobertura de persoal nos servizos públicos, e unha suba salarial para as persoas empregadas públicas que permita recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos exercicios, así como a derrogación de toda a lexislación imposta polos sucesivos gobernos do Estado desde 2010 que recorta e limita dereitos.
Tanto os representantes da CiG como o deputado do BNG non Congreso coincidiron na avaliación sobre a situación das e dos empregados públicos. “O persoal ao servizo das Administracións Públicas levan doce anos de perda de poder adquisitivo. Se temos en conta o mal chamado II Acordo para a mellora do Emprego Público, a perda de poder adquisitivo neste período é de 17%” sinala o secretario da CiG-Ensino, Suso Bermello.
“Agora, co acordo que o Goberno do Estado asinou con UXT e CCOO a perda económica será, no mellor dos casos de 10% a finais de 2024 que, sumada a que xa tíñamos acumulada, deixa como resultado unha perda de poder adquisitivo de 27% por todo o persoal público” afirma Manuel González Moreira, secretario da CiG-Saúde. O acordo, prosigue Moreira, afonda na destrución de emprego público “por manter as taxas de reposición vixentes que imposibilitan a creación real de emprego”.
Así mesmo, o secretario nacional da CiG-Administración Pública, Luis Carballo, sinala que tampouco garante a recuperación de todos os dereitos perdidos “pois só recolle derrogacións parciais da lexislación que restrinxiu os nosos dereitos todos estes anos”.
“A lei debe estabelecer, como mínimo, unha suba salarial de 5% en cada unha das tres anualidades (2022-2024), con efectos retroactivos para este presente exercicio, co obxectivo de recuperar 17% de poder adquisitivo perdido no período comprendido entre 2010 e 2022” demanda o deputado do BNG a través dunha emenda rexistrada ao Proxecto de Orzamentos. Así mesmo, reclama a incorporación dunha cláusula de garantía salarial pola desviación do IPC efectiva ao remate de cada anualidade. “Así mesmo, reclamamos a recuperación das retribucións básicas íntegras na cantidade das pagas extraordinarias de todos os grupos que foron rebaixadas a través dun Real Decreto en 2010” explica Rego.
“Esta suba no sector público tamén contribuiría a subir os salarios no sector privado porque sabemos que a evolución dos salarios dos empregados públicos acaba marcando a negociación no ámbito privado. Ningún traballador e traballadora debe perder poder adquisitivo” afirma o deputado do BNG.
Alén do máis, o Secretario Nacional da CiG-Administración Pública, Luis Carballo, destaca unha emenda presentada para garantir que todas as administracións apliquen o dereito regulado no TREBEP. “Son estes os organismos encargados de adecuar o sistema retributivo. A día de hoxe case ningunha Administración o está a cumprir, debe exixirse na Lei” explica Carballo. Esta aplicación faría posíbel o desenvolvemento da carreira profesional e a implantación do novo sistema retributivo deseñado polo Estatuto Básico do Empregado Público.
Por último, CIG e BNG sinalan que, se o Goberno quere realmente mellorar a situación dos empregados públicos “debe incorporar estas emendas ao proxecto de Orzamentos para 2023” para lograr unha recuperación dos dereitos perdidos nos últimos anos.