BNG centra as emendas da Estrada aos Orzamentos do Estado na dotación de infraestruturas e a mellora da seguranza viaria

oppo_0
oppo_0

Néstor Rego aposta por aumentar as partidas destinadas a gasto social, en detrimento do gasto militar, para paliar a grave crise provocada pola suba de prezos e evitar que a continúen a sufrir as clases populares

Xoán Reices agarda que os partidos do Goberno do Estado, PSOE e UP, acepten as emendas da frente nacionalista para mellorar a vida da veciñanza da Estrada e favorecer o seu desenvolvemento socioeconómico

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o candidato á alcaldía da formación no Concello da Estrada, Xoán Reices, presentan as emendas rexistradas aos Orzamentos do Estado para 2023 co obxectivo de mellorar a seguranza viaria e favorecer o desenvolvemento económico a través da construción de infraestruturas no concello. A frente nacionalista demanda tamén destinar máis recursos para desenvolver unha política verdadeiramente social para paliar a crise económica que atravesan as clases popular, así como renunciar ao aumento do gasto militar.

Para a organización nacionalista, o proxecto de Orzamentos proposto polo Goberno de coalición PSOE-UP está lonxe de solucionar os numerosos problemas polos que atravesa, na actualidade, a sociedade no seu conxunto e, no concreto, a cidadanía galega. Segundo explica o deputado do BNG no Congreso, nun contexto de orzamentos expansivos, o investimento territorializado para a Galiza estáncase mentres que noutros territorios sobe. Do mesmo xeito, a frente nacionalista sinala a necesidade de aumentar o gasto en política social, en detrimento do militar, para conseguir que esta crise non a paguen as clases populares.

No ámbito social, Rego defende a suba das pensións mínimas até 60% do Salario Medio para superar a fenda de xénero e a territorial –xa que as mulleres habitúan a ter pensións máis baixas e Galiza ten as pensións medias máis baixas do Estado- así como a suba do Salario Mínimo Interprofesional. Alén do máis, nas emendas rexistradas demanda garantir o financiamento de 50% por parte do Estado, tal e e como recolle a Lei de Dependencia, así como transferir todos os bens inmóbeis da SAREB á Xunta de Galiza para desenvolver unha política pública en materia de vivenda.

E, destacando a aposta da organización nacionalista por superar o déficit en materia de infraestruturas, o deputado nacionalista presenta emendas para dotar a vila da Estrada de novas e mellores vías de comunicación que permitan e favorezan o desenvolvemento socioeconómico e a mellora da seguranza viaria. “Entre elas atópase a construción da variante da Estrada, unha derivación de só oito quilómetros, que evitaría que todo o tráfico –sobre todo o tráfico pesado- pase polo centro da vila” explica Rego. Para o candidato á alcaldía, é necesario acometer esta infraestrutura consignando unha partida suficiente para que poida facerse efectiva nun prazo breve de tempo xa que, actualmente, está en fase de declaración de impacto ambiental e de reconfiguración para non danar os restos do Castro de Aguións.

Destacan tamén a emenda rexistrada para a mellora do enlace que conecta a Avenida Benito Vigo cos núcleos de poboación de Guimarei, Vinseiro e Cereixo. “Na actualidade só se pode circular dirección Lalín mais non á inversa. É necesario modificalo” afirma Rego. No relativo á seguranza viaria, a frente nacionalista demanda mellorar a N-640 xa que, no tramo de 3 km que atravesa a estrada polo núcleo, a pesar de que conta con 17 pasos de peóns e 9 semáforos, en 2019 rexistráronse até 5 accidentes.

“Por último, cabe mencionar a emenda referida á mellora da pasarela peonil que permite á veciñanza atravesar o pequeno río de Sapos na N-640. Esta infraestrutura está instalada nun só sentido, quedando a outra beira do ría sen este elemento. Precísase que o Ministerio instale unha segunda infraestrutura para garantir que a veciñanza poida circular de maneira segura” explica o deputado do BNG.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG