No acto organizado polo BNG en Pontevedra no DÍA DA GALIZA MÁRTIR, a portavoz nacional, Ana Pontón reafirmou o compromiso do BNG con todas as vítimas do franquismo e manter viva a súa memoria e restitución, por “xustiza e dignidade” e porque dende o BNG, afirmou, “negámonos a esquecer a barbarie que significou o franquismo”.
No acto celebrado na Paza Curros Enríquez, Pontón reiterou que “esquecer” é converterse en cómplices do terror, do atraso e da dor e, “non podemos, nin queremos esquecer a Alexandre Bóveda, que foi e será sempre un mestre para todas e todos nós e vive en todas as persoas que seguimos erguendo a bandeira de Galiza como nación e sabemos que o nacionalismo é a chave para construír un país no que podamos traballar e vivir con dignidade”.
AS POLÍTICAS DO ESQUECEMENTO SON CÓMPLICES DO FRANQUISMO
Non queremos, nin podemos esquecer o que significaron os fascismos e réximes autoritarios que camparon por Europa nos anos 20 e 30 do século pasado: desde Portugal a Italia, desde Alemaña a Grecia, pasando por Polonia, Hungría, Austria ou o Estado Español. Non imos esquecer as atrocidades e crimes que cometeron estes réximes contra os discrepantes ou simplemente diferentes, contra o movemento en defensa dos obreiros e das obreiras, contra a emancipación das mulleres ou contra as minorías nacionais, étnicas ou relixiosas ou “da suposta Cruzada” que non tivo reparos, mediante un xuízo indigno, para asasinar a un cristián exemplar como Alexandre Bóveda, polo simple feito de ser un patriota galego.
Aquela época negra de Europa, explicou Ana Pontón, representa unha páxina terrible pero xa superada e en ningún deses estados quedan herdeiros directos dos ditadores, dos seus lugartenentes ou colaboradores. “Todos foron varridos pola historia”. Todos, puntualizou a líder do BNG, menos no Estado español porque, “aquí sigue a nietísima, como duquesa de Franco, aquí sigue o Rei, nomeado polo Caudillo como o seu sucesor, aquí seguen o Pazo de Meirás, ou a Casa Cornide en mans dos Franco a pesar de seren roubadas e espoliadas a Galiza e aquí tamén seguen sen anularse os falsos xuízos franquistas como o de Alexandre Bóveda.”.
Pero tamén aquí, engadiu, hai “unha Galiza que nunca calou, nin baixou a cabeza” como demostraron as asociacións de recuperación da memoria histórica que durante anos e anos mantiveron viva a memoria e fixeron un labor exemplar. Aquí tamén está o BNG, que antes de que houbera ningunha lei da memoria histórica, o goberno municipal de Poio erguía unha estatua na Caeira para honrar a memoria de Bóveda, o goberno de Pontevedra xa eliminara das rúas os nomes franquistas e por iso en Pontevedra non hai ningunha rúa Salvador Moreno, senón Rosalía de Castro.
19 NACIONALISTAS XULGADOS POR RECLAMAR O PAZO DE MEIRÁS
Na súa intervención, Ana Pontón lembrou que proximamente 19 activistas nacionalistas serán xulgados por reclamar o Pazo de Meirás, “o mundo ao revés” ironizou a portavoz nacionalista porque os que debían estar sentados nun xulgado son “os Franco por usar un patrimonio que non é deles”.
Hoxe, 17 de Agosto, reclamamos que se poña punto final a impunidade franquista e que os crimes da ditadura sexan xulgados. Reclamamos que se anulen todos os xuízos sumarísimos, a empezar polo de Alexandre Bóveda e que o 17 de Agosto sexa declarado oficialmente como Día Galiza Mártir porque tan importante como o Valle dos Caídos é o Pazo de Meirás.
Vanse cumprir os 100 primeiros días de goberno e Pedro Sánchez aínda non moveu ficha para conseguir a devolución dos bens espoliados en Galiza polo franquismo. “Levamos 40 anos agardando que nos devolvan o roubado e non estamos dispostas a agardar outros 40”.
VIXENCIA DO LEGADO DE BÓVEDA
Na vida de Bóveda, lembrou Pontón, a teoría e praxe sempre foron da man. No económico, sentou as bases do pensamento económico galego, dunha facenda pública e da defensa do concerto económico para Galiza.
No político, púxose á fronte dos labores organizativos e fixo daquel pequeno partido o motor do proceso estatutario. “Bóveda era consciente que a prioridade era dotar ao país de institucións de autogoberno. Pero ademais foi un exemplo de compromiso con Galiza nuns tempos de alto risco, tanto para a súa propia integridade, como para a súa familia.
“No BNG sempre soubemos que nadar contracorrente é difícil, pero non hai nada máis importante que defender as ideas nas que unha acredita. Sabemos que nestes tempos é difícil ter a cabeza e o corazón na Galiza; é difícil non deixarse arrastrar por camiños mais cómodos e levadeiros; polas posmodernidades acríticas, veñan de onde veñan, de Madrid, Barcelona ou Europa. Por iso, hoxe Galiza necesita imperiosamente do noso compromiso, do compromiso do BNG ao igual que precisou do compromiso da Xeración Nós, das Irmandades da Fala, do Partido Galeguista, de Castelao e de Bóveda”.