O BNG celebra o consenso das tres forzas políticas representadas no Parlamento galego para rexistrar a Lei do Panteón de Galegas e Galegos ilustres que será tramitada o vindeiro 28 de xullo na Cámara galega.
A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil salienta o consenso das tres forzas políticas para a xestión pública do panteón no que repousan os restos de figuras emblemáticas como Rosalía e Castelao.
"A lei permitirá esta xestión pública, a travès dunha fundación dependente do Parlamento galego e dende o BNG celebramos a forma acordada dunha demanda histórica do nacionalismo galego para que ese espazo sexa de xestión pública e mantendo o sei nome orixinal pero corrixindo un erro histórico, a invisibilización das mulleres". Coa nova lei, que será tramitada o vindeiro 28 de xullo na Cámara galega, o Panteón pasará a denominarse "Panteón de Galegas e Galegos Ilustres". Para Rodil, esta nova denominación è un acto de "xustiza coas mulleres" e sobre todo con Rosalía de Castro. Ademais de salientar o carácter de Fundación xestionada por unha instancia pública e laica , a nacionalista incide en que non poderán ser soterradas persoas que non acaden a unanimidade das forzas políticas representadas no Parlamento galego e que representan a pluralidade e diversidade de Galiza. "O panteón è un emblema nacional, e coa lei se garante o dereito da cidadanía a honrar ás persoas soterradas neste espazo".