Congreso

BNG carga contra o PP por rexeitar a condonación da débeda á Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego cualifica de “irresponsábel” a postura dos populares despois de que o BNG conseguise no Acordo de Investidura a condonación e compensación dunha parte significativa da débeda galega, que se concreta en 4010 millóns de euros

A organización nacionalista exixe a PP, PSOE e Sumar mudar a actitude na Mesa do Congreso e permitir a tramitación da transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, carga contra a decisión de Rueda e o PP de Galiza por seguir a estratexia partidista emanada de Xénova en contra dos intereses dos galegos e das galegas ao rexeitar a proposta de condonación e compensación dunha parte da débeda, conseguida polo BNG no Acordo de Investidura. A organización nacionalista sinala que o Partido Popular terá que explicar por que se opón a ter máis recursos para mellorar a vida dos galegos e galegas e cualifica esta actitude como “irresponsábel” e obstrucionista. Por outra parte, Rego urxe PP, PSOE e Sumar a mudar a actitude en relación á tramitación da transferencia da AP-9 na cámara baixa e exixe que desbloqueen a situación.

O Acordo de Investidura conseguido polo BNG a comezos da lexislatura contemplaba que “en caso de condonacións totais ou parciais da débeda adquirida por Comunidade Autónoma adheridas ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), estabelecemento de medidas compensatorias análogas para a Galiza, no marco das compensacións a aquelas CCAA que non fixeron uso do FLA”.

Ademais de que o goberno do PP na Xunta de Galiza optase en maior medida por contraer débeda con entidades bancarias, a pesar de ser máis gravoso para a cidadanía galega, “agora rexeita calquera tipo de condonación ou compensación conseguida polo BNG no Acordo de Investidura” dicindo que “non representa ningún tipo de avance”.

Esta medida que o Partido Popular rexeita aplicar á Galiza, en aras á súa submisión aos intereses e ditados de Xénova, ascende a 4010 M€, representando 33% da débeda pública da Galiza -máis de 50% máis que no caso de Cataluña-, o que permitiría mellorar a vida dos galegos e as galegas. “Hai que lembrar que, a día de hoxe, o pagamento da débeda é a terceira maior partida do Orzamento da Xunta de Galiza despois de sanidade e educación, sendo de  1763 M€. Parécenos irresponsábel que o PP rexeite a condonación cando permitiría aforrar cada ano en pagamento da débeda case 600 M€ que poderían ser destinado á mellora da sanidade, a educación ou os servizos sociais” denuncia o deputado do BNG no Congreso.

Néstor Rego sinala o comportamento “irresponsábel” do Partido Popular en Galiza actuando “como verdadeiros bulldozers” que arrasan os servizos públicos do noso País. “Din que esta medida non representa ningún avance mais se a condonación lle parece pouco, que o PP apoie a proposta do BNG para mellorar o sistema de financiamento da Galiza, baseado no concerto económico, que permitiría ter entre 3000 M e 4000 M€ máis para o noso País” sinala.

Mudar a actitude, permitir a tramitación para a transferencia da AP-9

Por outra parte, o deputado do BNG no Congreso denuncia, máis unha vez, o bloqueo por parte da Mesa do Congreso na tramitación da Proposición de Lei para a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) á Galiza. “PP, PSOE e Sumar deben mudan a actitude e permitir a súa tramitación. Van xa 21 veces que a Mesa do Congreso decide prorrogar a data límite para a presentación de emendas a esta Proposición de Lei que foi aprobada pola unanimidade do Parlamento de Galiza” asevera Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG