O BNG busca recuperar a unidade de acción das forzas nacionalistas fronte ás políticas do PP

Unha representación da Executiva Nacional do BNG, encabezada polo portavoz nacional Xavier Vence, mantivo na última semana xuntanzas con delegacións de Compromiso por Galicia, Nós-Unidade Popular e Causa Galiza. O obxectivo destes encontros radica na normalización das relacións con todas as organización políticas nacionalistas e na exploración das posibilidades de colaboración na acción política. En particular interesa recuperar a unidade de acción das diferentes forzas nacionalistas para respostar á situación de profunda crise que está a vivir a sociedade galega como consecuencia das políticas da Unión Europea, o goberno central e a Xunta de Galiza.

Estes contactos enmárcanse na iniciativa de achegamento entre as organizacións nacionalistas aprobada na XIV Asemblea Nacional do BNG, co obxectivo de comprobar a disposición das distintas forzas políticas do nacionalismo galego a establecer espazos de colaboración e entendemento.

O portavoz nacional do BNG subliña que dada a gravidade da situación actual, “cómpre dar unha resposta social unitaria e en clave galega ás políticas da Troika e do PP”. Ao respecto Xavier Vence explica que en todas as reunións que se teñen celebrado ata o momento constátase a vontade de construír estes espazos de xeometría variábel “que permitan forzar unha mudanza da política económica que nos están a impoñer desde a Xunta, o Goberno central e a UE”.

Nesta rolda de contactos está pendente manter unha reunión con Anova Irmandade Nacionalista, que terá lugar unha vez que teñan celebrado a súa asemblea nacional e elixida a nova dirección.

Espazos de traballo

Por outro lado, Vence apunta que a coincidencia na análise da gravidade da situación “non agocha que existen diferenzas de enfoque con algunha das forzas que participaron na rolda de contactos”. Ao seu xuízo, estas diferenzas estriban principalmente nas prioridades políticas marcadas por cada unha delas e tamén polo alcance das respostas a dar aos problemas económicos e a ambición nacional.

“Aínda con estas diferenzas, constátase a vontade de manter unha relación fluída e establecer espazos de traballo en común que seguramente terá que responder a unha lóxica flexíbel e a unha xeometría variábel”, destaca o portavoz nacionalista.

Para o BNG, a avaliación global dos contactos mantidos é positiva e o Bloque seguirá a realizar este traballo nas próximas semanas.

Campaña 'Non é unha crise, é un roubo. Rebélate!'

Segundo sinala o portavoz nacional do BNG, precisamente neste contexto de reforzamento das políticas neoliberais se inscribe a campaña de denuncia que está a desenvolver o Bloque por todo o país baixo o lema 'Non é unha crise, é un roubo. Somos multitude, Rebélate!'.

Candidatura galega

Xavier Vence destaca que, á vista dos contactos establecidos e dos que quedan por facer, o BNG “mantén a expectativa de constituír unha candidatura galega ás eleccións ao parlamento europeo, nucleada polo nacionalismo, que garanta unha ampla representación dos intereses do país e a defensa dunha outra Europa alternativa á UE neoliberal”. Neste sentido salienta que o obxectivo consiste precisamente en dar “unha resposta social e nacional aos deseños económicos e políticos impulsados pola propia UE”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG