O Bloque Nacionalista Galego non acudirá a ningún dos actos protocolarios organizados polo Congreso para conmemorar o día da Constitución como mostra de rexeitamento a un sistema pactado na chamada Transición cos últimos xestores da ditadura franquista e que simboliza perfectamente unha monarquía “anacrónica e corrupta”. Para o deputado nacionalista na cámara baixa, Néstor Rego, o marco constitucional nega a Galiza como nación e a súa capacidade para decidir, polo que reclama unha ruptura co réxime de 78 para construír un futuro galego e republicano, baseado na igualdade, a xustiza social, a conquista de dereitos, a xeración de emprego e o desenvolvemento económico.
“Esta non é a nosa Constitución” salienta o deputado para lembrar que o nacionalismo popular galego avogou desde o comezo por unha ruptura democrática co réxime franquista e non por un pacto coa ditadura. Para Rego, precisamente é a Constitución española a que afianza estruturas herdadas do franquismo, como a monarquía, unha institución “anacrónica, antidemocrática e corrupta” tal e como se vén evidenciando após os numerosos escándalos vividos estes últimos anos. “Un sistema verdadeiramente democrático permite que a cidadanía elixa a súa Xefatura de Estado, non que esta figura sexa hereditaria e vitalicia” asevera Rego.
De facto, a organización nacionalista apunta que, nesta materia, tanto a esquerda institucional española como a dereita política española actúan en consonancia ao vetaren -PSOE, PP e Vox- todas as solicitudes de creación dunha Comisión de Investigación sobre os escándalos dos Borbóns. Neste sentido, o BNG considera fracasado o actual marco constitucional, marcado pola corrupción da monarquía e das elites políticas e económicas e que actúa como corpiño que lastra o futuro do noso País.
Frente a este texto que apuntala o centralismo de Madrid, Néstor Rego reclama soberanía para a Galiza. “Madrid funciona como unha aspiradora de recursos. Concentra e absorbe o investimento, as grandes empresas, o talento e os centros de decisión política” critica o deputado, que subliña o prexuízo que supón para os galegos e galegas esta dinámica centralista.
“Galiza precisa de ter capacidade para decidir por si propia. É a única forma de poder desenvolverse plenamente do punto de vista social, económico, político e cultural, así como poder mellorar a calidade de vida e benestar de todos os galegos e galegas” reivindica. Neste sentido, Rego destaca que a Constitución española nega a realidade plurinacional e os conseguintes dereitos nacionais das nacións que, como a Galiza, integran o Estado.
“Quer a Constitución, quer o modelo autonómico que dela deriva, téñense manifestado inadecuados para resolver os problemas do pobo galego e en factor limitante das nosas aspiracións democráticas. Pensamos que xa é hora de mudanzas estruturais que permitan unha verdadeira democratización da vida política galega, nun modelo propio, republicano e soberano. É a hora de comezar a levantar a República da Galiza” conclúe o deputado nacionalista.