A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou o inicio do proceso para a elaboración dunha Lei Galega dos Dereitos Culturais e do Sistema Público da Cultura, que será “resultado dun proceso participativo que conte cos principais axentes implicados no sector”, indicou. Na comparecencia estivo acompañada por Mercedes Queixas, portavoz de Cultura e Lingua do BNG.
Nun momento de transformación e cambio de paradigmas e máis de corenta anos despois da aprobación do Estatuto de Autonomía, o BNG considera necesario repensar e actualizar o sistema cultural galego con rigor.
Pontón manifestou que “pese a representar un 2% do PIB e un 3% do emprego deste País, a cultura atópase infrafinanciada por un goberno do PP que só inviste un 0,8% do orzamento da Xunta nela”. Isto súmase á falta das políticas culturais que precisa Galiza hoxe en día porque “o PP nunca considerou primordial a cultura, aínda sabendo que é a nosa marca de identidade e carta de presentación no mundo, un símbolo do noso potencial e valía como País”.
Co obxectivo de situar á cultura “no lugar que se merece” coma o BNG avanzou a redacción dunha Lei Galega dos Dereitos Culturais e do Sistema Público da Cultura baseada en tres principios fundamentais. O primeiro será a garantía do dereito da cidadanía ao acceso á cultura. O segundo, un orzamento digno para o sector cultural, co compromiso de incrementar progresivamente os recursos até conseguir que se lle adique un 2% do orzamento galego anual. E finalmente, o terceiro, baséase na redefinición do sistema institucional da cultura galega.
A elaboración desta lei na que está traballando o BNG contará coa colaboración de asociacións e persoas expertas na materia e, ademais, actualizará o sistema cultural e o seu mapa de axentes, adaptará aos novos tempos as institucións que rexen a cultura e promoverá a cooperación e coordinación entre o conxunto de administracións con competencias no sector.
Neste sentido, a líder do Bloque declarou que “consensuarán unha lei que debera de ser de País, porque a cultura, a lingua e a identidade merecen que os partidos políticos, os axentes culturais e a cidadanía acaden o consenso, ao que dende o BNG apelamos”.
“Esta é unha lei necesaria e urxente e contamos con que sexa aprobada no Parlamento para o ben de todos os galegos e as galegas, porque Galiza precisa un marco legal vangardista á altura da nosa cultura”, concluíu.
A cultura como columna vertebral da política
A portavoz parlamentaria de Cultura e Lingua, Mercedes Queixas, aproveitou a ocasión para facer alusión a que “a cultura é un dereito” e que, polo tanto, “hai que situar o sistema cultural no centro de gravidade da política para asegurar o exercicio efectivo dos dereitos culturais”.
Catro décadas despois da aprobación do Estatuto de Autonomía, o BNG considera necesario avaliar e actualizar o noso modelo cultural e para iso porase en marcha un proceso de traballo “que durará varios meses e se articulará arredor de seis eixos/mesas de traballo”, indicou Queixas.
Mesas de traballo
A primeira definirá os dereitos culturais da cidadanía e as obrigas que derivan destes para o sistema público da cultura, poñendo no centro o dereito a existir como cultura propia e diferenciada, o dereito ao acceso á cultura, o dereito a participar na vida cultural, o dereito á creatividade e á creación ou dereitos sociais relacionados coa cultura como a igualdade de xénero, a accesibilidade e inclusión ou as condicións de traballo dignas.
A segunda mesa de traballo centrarase na protección sociolaboral do sector cultural e na garantía dos dereitos para as persoas traballadoras da cultura.
As outras tres mesas de traballo desta lei avaliarán as políticas culturais, a identidade cultural e relacións no mundo global, e a articulación do sistema público de Galiza dende a cooperación e a coordinación institucional.
“O sistema cultural galego non pode seguir a perder peso político diluído nunha macro consellería que actúa por rutina, inercia e con descoordinación”, denunciou Queixas. “Como pobo creador que estivo sempre á vangarda, Galiza precisa un goberno que tamén o estea”, por iso nace esta Proposición de Lei Galega de Dereitos Culturais e Sistema Público da Cultura.