O BNG trasladou A Coruña a campaña en defensa dunha tarifa eléctrica galega e contra o espolio enerxético de Galiza cunha recollida de sinaturas diante das oficinas de Naturgy, despois de que a multinacional anunciase o peche do Museo de arte contemporáneo (MAC), pese a ser un dos poucos retornos que tiña a cidade dos beneficios multimillonarios que obtén explotando os recursos do país.
“O anuncio de peche de ALCOA e agora do MAC son dous exemplos claros das consecuencias do espolio enerxético do país”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, “cando a enerxía é un ben público que debe reportar un beneficio á maioría social”. Denunciou o dislate de que nun país que exporta electricidade “haxa pobreza enerxética e empresas que ameazan co peche polos custes eléctricos”.
En relación ao conflito de ALCOA, e no contexto da reunión entre Xunta e Goberno central, o BNG insiste na retirada do ERE e, se a multinacional persiste, proceder ao rescate para o público como se fixo coa banca ou coas radiais madrileñas.
“Hai que dicirlle a ALCOA que a fábrica da Coruña pode seguir producindo sen ela, que hai mecanismos legais para poder rescatar a factoría para o público e garantir o emprego industrial na cidade”, salientou a portavoz do Bloque.
En paralelo, o BNG demanda un marco enerxético estable que pasa por unha tarifa industrial para empresas electrointensivas, que no caso galego debe incluír rebaixas nas peaxes como compensación polos custes ambientais e sociais de ser produtora.
“Non valen parches, é preciso unha tarifa industrial específica para este tipo de empresas que, evidentemente, debe ir ligada ao mantemento do emprego, á modernización das instalacións e a plans industriais por parte das beneficiarias”, alegou a líder nacionalista.
Tarifa industrial para as factorías electrointensivas e tarifa eléctrica galega para o resto das empresas e consumidores, que deben beneficiar de ser este un país exportador de enerxía. “Alégase que non é posible esta tarifa diferenciada para non romper a unidade de mercado, pero os e as galegas pagamos a gasolina máis cara, pagamos máis caras as peaxes pero iso parece que non atenta contra a unidade de mercado”, ironizou Jorquera.
Iniciativa no Parlamento
En relación ao MAC, Pontón avanzou que o BNG presentou no Parlamento unha proposición non de lei en defensa da continuidade deste espazo cultural. A formación nacionalista pretende que a Cámara se pronuncie en contra do peche do museo ao tempo que insta a Xunta e Concello a garantir a súa continuidade. “Teñen que empezar a traballar para evitar o peche”, salientou Pontón, cuestión na que tamén incidiu o candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera.
“Sería escandaloso que un dos poucos retornos que ten para a cidade e comarca os enormes beneficios de Naturgy, derivados de explotar os nosos recursos naturais, tamén desapareza. Por iso, o BNG esixe ao Concello e a Xunta que adopten cantas medidas sexan necesarias para que a multinacional reconsidere a súa decisión e se asegure a pervivencia do MAC e de todas as actividades ligadas a este museo”, subliñou.
O candidato á Alcaldía lembrou que Unión Fenosa foi unha empresas que se lucrou a costa dos recursos naturais de Galiza, “que despois esta empresa galega con sede na Coruña foi mercada por Unión Eléctrica Madrileña co trauma que iso supuxo para esta cidade incluíndo o peche e traslado da sede a Madrid e, finalmente, foi adquirida por Gas Natural, agora Naturgy. Un dos poucos retornos que tiña para esta cidade era o MAC cuxo peche se anuncia agora”, concluíu.