- Noa Presas comprométese a impulsar a partir do luns unha mesa con todos os sectores implicados para mudar o modelo de extinción de incendios en Galiza
- Os brigadistas advirten da urxencia de revisar o modelo porque os lumes mesmo están a influír no clima
Despois de dúas reunións esta mesma semana con representantes do Comité de Empresa do Servizo Público de Defensa contra os Incendios Forestais, por un lado, e con representantes dos traballadores do SEAGA, por outro, o BNG comprometeuse a asumir as demandas dos traballadores, tanto as que se refiren a mellora das condicións laborais como as que inciden na necesidade de mudar o modelo de loita contra o lume.
Noa Presas, número 1 da candidatura do BNG por Ourense ao Parlamento galego, explicou aos representantes dos traballadores do servizo público -acudiron á xuntanza todas as centrais que están no comité: CC.OO., CIG, CSIF e UXT- que a proposta do BNG para unha nova xestión do monte inclúe “a constitución dun dispositivo único, público e autonómico” de loita contra os incendios.
Noa Presas sinalou que o BNG aposta por “un mando único” neste dispositivo, pero tamén subliña que “o novo modelo forestal debe pasar por unha mellora da prevención do lume nos montes”. Presas fixo súa a proposta dos sindicatos de abrir unha mesa de diálogo despois das eleccións na que se fale tanto da reorganización e unificación do servizo público e do que presta o SEAGA como das novas esixencias para o dispositivo de extinción derivadas das novas tipoloxías de incendios. Os traballadores advertiron á candidata que estas novas tipoloxías de lumes mesmo están a influír no clima, o que alimenta a proliferación de incendios.
Pola súa parte, o número 4 da candidatura, Ángel Amaro, e a ex parlamentaria por Ourense, Tereixa Paz, quen durante as tres últimas lexislaturas fiscalizou desde o seu escano a política de montes da Xunta, recibiron a unha representación dos traballadores do SEAGA. O BNG asinou con eles un triplo compromiso: aumentar o tempo de traballo deste servizo progresivamente de 3 a 9 meses; revisar o sistema de listas; e garantir o dereito a percibir axudas fóra da campaña de verán.
“A Feijóo e ao PP nin lles preocupan os montes nin a xente que vive nas aldeas nin os traballadores do dispositivo contra os lumes”, asegurou Noa Presas na xuntanza cos sindicalistas, “para Feijóo e o PP só se trata dun negocio máis”. A candidata considerou “moi grave e irresponsábel” que non se atendan as advertencias dos traballadores respecto do cambio nos lumes e a súa incidencia sobre o clima.