BNG- Asembleas Abertas, alternativa á corrupción do PP cun proxecto de cambio radical para Santiago

Candidatura BNG-Asembleas Abertas Santiago

Santiago non se pode permitir perder outros catros anos que, en moitos aspectos, supuxeron un retroceso de décadas, unha etapa “nefasta” marcada pola corrupción do PP á que é necesario dar carpetazo nas próximas elección municipais.

“Hai que pasar páxina dun dos peores episodios da etapa democrática deste Concello e dar un cambio radical a unha cidade que o PP deixou á deriva”, proclamou Ruben Cela, na presentación do primeiro tramo da candidatura BNG-Asembleas Abertas para os comicios de maio, que encabeza o actual portavoz municipal do Bloque.

Para iso, explicou, BNG-Asembleas Abertas presenta “un proxecto de transformación e de cambio radical para Santiago”.

“Fronte á corrupción, limpeza e honestidade; fronte a arrogancia, diálogo e participación da cidadanía; fronte aos recortes, políticas de emprego e investimentos que dinamicen a economía; fronte a privatización de servizos básicos, máis e mellor sector público; fronte a unha política cultural que renega da nosa lingua, unha verdadeira cidade da cultura nas rúas, teatros e centros de toda Compostela; fronte á especulación, vivenda pública e urbanismo para as persoas”, enumerou Cela.

“Fronte ao localismo estéril, unha visión desde a capital da nación para facer avanzar Santiago e o conxunto de Galiza”, concluíu o candidato quen non dubidou en admitir que o BNG tamén cometeu erros, pero que ninguén nega que fixo un traballo, tanto desde o goberno como desde a oposición, “coa máxima entrega, honestidade e coherencia”.

Sanmartin: “Unha Compostela sen persoas durmindo na rúa”

Con ese aval pretende recuperar a confianza dunha maioría da veciñanza, cunha candidatura integrada por unha equipa de persoas que a número dous, Goretti Sanmartín, definiu como “diversa, plural e capaz”, con homes e mulleres implicados no tecido económico, asociativo e cultural da cidade, así como na loita social.

De feito, a prioridade será combater a pobreza: “Non queremos unha Compostela na que nin unha soa persoa teña que durmir na rúa”, subliñou.

Fixo fincapé na incorporación de independentes na candidatura, tras o proceso de asemblea abertas, que se suma a “solvencia e solidez” de quen xa coñece o concello, como Ruben Cela e o tamén concelleiro Rafa Vilar. “Asumimos con toda responsabilidade a tarefa de rematar co peor goberno da historia de Compostela”, cun proxecto pensado para unha cidade integral, tanto dos barrios como das parroquias do rural.

Co portavoz nacional arroupando a candidatura, Xavier Vence subliñou as contribucións que o traballo do BNG xa ten aportado a Santiago desde a súa responsabilidade de goberno, que ten que volver a recuperar “a ilusión e a imaxe de cidade moderna, dinámica e de acollida” que foi Santiago.

O dirixente nacionalista considera que as eleccións de maio “teñen que servir para sacar da circulación aos partidos corruptos, poñer fin á corrupción que o PP ten instalada nas institucións”, como demanda esa “cidadanía indignada”,á que instou a ter na candidatura BNG-Asembleas Abertas o referente político para conseguilo.

“É unha candidatura de xente capaz para gobernar Compostela cun programa alternativo de transformación, para manter as conquistas e devolver a ilusión a esta cidade, cun goberno ao servizo da veciñanza e non das empresas corruptas que queren vivir do orzamento público”, recalcou Vence. “Estas eleccións teñen que marcar un punto de inflexión no país”, concluíu.

CANDIDATURA BNG-ASEMBLEAS ABERTAS SANTIAGO 1º TRAMO

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG