Galegas 2024

BNG asegura a construción dunha escola infantil pública en Verín cun goberno galego do BNG

Verín
Verín
Noa Presas: “Quero animar a todas esas persoas da bisbarra da comarca de Monterrei a que confíen no BNG. As que están dubidando e lles doe a situación na que está Ourense, que confíen e concentren o voto na papeleta do BNG”

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, acompañada polos candidatos Diego Lourenzo e Adela Galego visita Verín o primeiro día de campaña electoral para avanzar unha proposta da organización nacionalista: “nos 100 primeiros días de goberno do BNG, dotaremos a Verín dunha escola infantil pública construída con Orzamento da Xunta e de xestión 100% pública”. Presas sinala a oportunidade histórica que representa este 18F na campaña electoral “máis aberta dos últimos 15 anos” e avanza que Ourense será unha praza decisiva para rematar coas políticas de discriminación levadas a cabo polo PP.

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, visita Verín o primeiro día dunha campaña electoral “absolutamente decisiva”  porque “estamos antes as eleccións máis abertas dos últimos 15 anos, e desde o BNG saímos a por todas, porque son unha oportunidade histórica para Ourense”. Unha oportunidade histórica, engade, sobre todo para as comarcas que teñen visto nestes 14 anos “como o Partido Popular discriminou Ourense e foi deixando atrás numerosos servizos que eran esenciais. Por iso se hai unha parte do país que precisa un cambio político é Ourense”.

“Reafirmamos o noso compromiso, porque somos a única forza política que nos presentamos a estas eleccións cun proxecto de país e cun proxecto para Ourense, para o reequilibrio territorial, para a cohesión social, para dotar de servizos básicos esenciais e tamén para o impulso económico” avanza Presas.

“Quero animar a todas esas persoas da bisbarra da comarca de Monterrei a que confíen no BNG. As que están dubidando e lles doe a situación na que está Ourense, que confíen e concentren o voto na papeleta do BNG, porque a partir do 18 de febreiro teremos un goberno coas mans libres cunha presidenta a favor de Galiza e a favor de Ourense que porá en marcha cuestións absolutamente esenciais e débedas históricas como as que vemos nos servizos públicos de Verín” asegura a cabeza de lista.

Por exemplo, “faremos un esforzo por reducir as listas de agarda hospitalaria cun plan específico e dotaremos o Hospital de Verín do persoal necesario para poñer punto e final as constantes esperas nalgunhas das especialidades”.

Compromiso para Monterrei e Verín nos 100 primeiros días de goberno do BNG

“Hoxe quero insistir nun compromiso moi claro, que sería unha prioridade para o BNG nos 100 primeiros días de goberno, que é dotar Verín dunha escola infantil pública construída desde o orzamento da Xunta de Galiza e con xestión pública, porque non é admisible que sexa a única capital de comarca que non teña un servizo destas características, cando ademais aquí hai nenos e nenas que o precisan e que están indo ao resto de concellos” avanza a cabeza de lista do BNG.

Polo tanto, ante un PP que “xa intentou que as mulleres non puidesen parir en Verín, o BNG  o que vai facer desde o goberno é todo o contrario, impulsar os dereitos sociais, e garantir que calquera neno ou nena de Verín, calquera persoa que queira realizar o seu proxecto de vida en Verín,  vai ter os servizos públicos que precisa, por iso animo a todas as persoas desta bisbarra a que apoien o BNG, que escoiten as nosas propostas esta campaña electoral e acudan a votar con ilusión e con ganas, aínda que sexa domingo de  Piñata o próximo 18 de febreiro”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG