A través dunha pregunta parlamentaria ao goberno sobre as previsións da Consellería de Medio Rural para activar o proceso de concentración parcelaria no concello de Catoira, formulada polo deputado nacionalista, Xosé Luís Rivas, a Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé comprometeuse a activar o proceso.
Rivas amosou a súa satisfacción ante o compromiso anunciado pola titular de AGADER a unha reivindicación veciñal que está a provocar “unha situación insostible” con queixas e problemas que aumentan polo estado de abandono de pistas e terreos que impiden o seu tránsito e cuxos propietarios tamén abandonaron por descoñecer cal vai ser o futuro da concentración. Outra vez, dixo o deputado, comprobamos que a concentración parcelaria, en troques de ser un impulso para o medio rural convértese “nun lastre” como evidencia a situación xerada no concello de Catoira.
No ano 2020, explicou o nacionalista, a Comunidade de Monte Veciñal de San Miguel de Catoira interpuxo un recurso contencioso administrativo contra a resolución desestimatoria do recurso de alzada que formulou fronte á resolución do delegado provincial da Consellería de M. Rural en Pontevedra que aprobou as bases definitivas da Concentración Parcelaria de Catoira “sen atender as súas alegacións”. Pero no ano 2018, sinalou o deputado, o Director Xeral , alcalde de Catoira e o Delegado Territorial “trasladaron o compromiso que estaría rematada antes de finais de 2020”. E tamén no ano 2018 preguntamos en comisión parlamentaria ao Director Xeral, Pérez Dubois por este asunto sen que naquel momento anunciara algún tipo de acción.
“Hai problemas coas fincas que se mercaron e venderon durante o proceso para xustificar a propiedade, creouse unha expectativa de que as parcelas dos propietarios de viñedos levaríanse para unha ladeira do monte (Coaxe-Dimo) sen custo para os viticultores, seica con cargo a unha axuda do Feder coma lugar adecuado co fin de favorecer o cultivo e a DO Terra de Barbanza e Iria”.
Sobre esta cuestión afirmou que foi anunciada unha partida especial pero a realidade é que se descoñece o seu destino polo que preguntou á titular de AGADER, que foi dos proxectos de futuro, das expectativas creadas co anuncio da Concentración parcelaria? E que vai pagar ese mal despois de 23 anos?
O deputado do BNG considerou que todas as persoas afectadas deben ser indemnizadas por danos e prexuízos, estremo sobre o que a directora de AGADER, Inés Santé non se pronunciou na súa intervención.
Xosé Luís Rivas celebrou que hoxe por fin, “haxa un compromiso real” por parte da administración para iniciar a concentración parcelaria e que o proceso serva para revitalizar o medio rural e a súa capacidade económica.
O parlamentario tamén considerou que os responsables de Medio Rural deben manter unha xuntanza co colectivo afectado pola concentración e explicar como se vai levar a cabo e mostrouse seguro que tras este encontro é posible que recuperen a confianza na Consellería e na dirección xeral tras “anos de mentiras e atropelos”.
Tras o anunciou de Santé sobre a elaboración de novas bases para iniciar, de maneira coherente, a concentración parcelaria, o nacionalista afirmou que é “necesario empezar de novo e non volver aos parches”, porque os afectados e afectadas precisan resolver un proceso que “leva 23 anos empantanado”.