O BNG apoia no Congreso o Manifesto da Mesa, Kontseilua e CIEMEN en defensa das linguas

As organizacións en defensa do galego, catalán e euskera, a Mesa pola Normalización Lingüística, CIEMEN e Kontseilua acudiron hoxe ao Congreso dos Deputados a manter un encontros cos grupos parlamentares para lles facer entrega dun Manifesto de rexeitamento frontal da Lei Wert.

As deputadas do BNG na Cámara amosaron o respaldo do BNG ao labor das organizacións lingüísticas, e compartiron as mesmas críticas á nova lei de Educación que está a elaborar o Ministro de Educación.

Non á Lei Wert

Rosana Pérez afirmou que o “BNG considera imprescindíbel que as Plataformas en Defensa das Linguas se movilicen e veñan ao Congreso a concienciar e a defender os dereitos lingüísticos, sobre todo ante un novo ataque como é a Lei de Educación. Unha lei que xa temos dito que é recentralizadora, que nega o plurilingüismo e a realidade plurinacional”.

Sen esquecer, engadiu Rosana Pérez, que “incentiva o ensino privado. Destinan recursos públicos ao financiamento do ensino privado para alimentar un negocio. É fundamental que nos movilicemos para facer valer o noso dereito a expresarnos na nosa lingua”.

En declaracións aos medios de comunicación, Carlos Callón, responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística, puxo de manifesto que “vivimos tempos de regresión, unha regresión de trinta anos pola Lei da Vergoña que supón un ataque frontal aos dereitos lingüísticos”. Tamén criticou os ataques da Xunta contra o noso idioma.

Explicou que “facemos un chamamento a todas as comunidades lingüísticas en defensa dos nosos idiomas, e un chamamento ao conxunto dos grupos parlamentares do Congreso para que se opoñan á Lei Wert, e para facer que o Goberno escoite e retire esa lei”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG