O BNG apoia á manifestación contra as touradas que convoca a plataforma Touradas fóra de Pontevedra para o próximo sábado, con saída desde a praza da Peregrina, ás 20 horas. O obxectivo da manifestación, segundo enuncian os portavoces da plataforma, é contribuír á sensibilización da poboación en contra da actividade das touradas e mais demostrar o apoio social que concita a causa da súa erradicación en Galiza.
O BNG pronunciouse en numerosas ocasións en contra da celebración de touradas, a carón dos colectivos sociais que perseguen a prohibición, e presentou numerosas iniciativas no Parlamento Galego, no Congreso dos Deputados e no Parlamento Europeo para procurar a prohibición destes espectáculos e cortar as axudas públicas que aseguran a súa viabilidade económica.
Maltrato animal e reivindicación chauvinista
A actividade das touradas atenta contra os dereitos dos animais e constitúe unha excepción inxustificada á lexislación sobre o tratamento dos animais, agochada na afirmación de que as touradas son "cultura", cando son un acto explícito e tolerado de tortura, como denunciou Ana Pontón Mondelo desde a tribuna do parlamento galego. Así mesmo, chama a atención o empeño do Partido Popular en xustificar a actividade baixo a denominación de "festa nacional", nun exemplo claro da liña de afirmación da españolidade e da concepción chauvinista do estado e da cultura que defende o PP e secunda con entusiamo o PPdG.
Durante esta lexislatura, a parlamentaria Ana Pontón presentou unha proposición de lei co obxecto de modificar a Lei de animais domésticos e salvaxes en catividade de forma que se eliminase a excepción que se fai "á festa dos touros, encerros e demais espectáculos taurinos" no artigo que prohibe a "utilización de animais en espectáculos, pelexas, festas populares e outras actividades se iso lles pode ocasionar danos, sufrimentos ou facelos obxecto de tratamento antinatural". Tanto Catalunya como Canarias xa aprobaron modificacións nas leis autonómicas que se ocupan de asuntos semellantes.
Desbaldimento de fondos públicos
Así mesmo, o BNG ten presentado iniciativas denunciando o apoio público ás touradas, que no caso do estado español "chega aos 700 millóns de euros, mentres ao PP non lle treme o pulso en recortes no básico, na cultura, na educación e na sanidade", afirmou Ana Pontón. Así mesmo, a UE destina a través da Política Agraria Común (PAC) un mínimo de 130M de anuais á cría de touros de lidia, feito que Ana Miranda ten denunciado en Bruxelas, onde presentou, a carón dos parlamentarios de ERC, o informe Touros e impostos. Subvencións do Estados español e da UE para a tauromaquia e cría do touro.
Así mesmo, no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila presentou iniciativas para suprimir a emisión das touradas na televisión pública, por considerar que contribuían á difusión dunha cultura de violencia e maltrato aos animais. Nesta mesma liña, o BNG presentou iniciativas no Parlamento Galego para esixir a aplicación da prohibición para a entrada de menores de 16 anos nas touradas, medida que aprobou o propio Parlamento na lexislatura anterior pero que aínda non se conseguiu aplicar.