O BNG apoia a manifestación deste sábado contra a nova Lei de Montes de Galiza promovida polo goberno do PP, porque reduce a protección da poboación fronte aos lumes forestais e entrega os montes veciñais aos grandes capitais.
A manifestación, convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, sairá mañá sábado ás 12:00 horas da estación do tren de Santiago de Compostela. O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, acudirá á manifestación.
O proxecto de lei do PP non da resposta aos problemas estruturais e aumenta a desprotección fronte aos lumes
Para o BNG a lei promovida polo goberno da Xunta non só non mellora o problema do abandono do monte e dos lumes forestais en Galiza a este respecto senón que mesmo da pasos atrás.
E é que o único obxectivo desta Lei de Montes elaborada polo goberno do PP é o desmantelamento da Lei de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galiza promovida polo BNG dende o anterior goberno da Xunta.
Redúcese a distancia mínima entre o monte e as vivendas
E isto faise a través de dous aspectos que desprotexen ao conxunto da cidadanía. Por un lado está a redución drásticas das distancias mínimas entre as explotacións forestais e as vivendas, explotacións gandeiras e diversas instalacións. Así, pode haber un eucaliptal a 30 metros á porta da casa, o que significa que poden ter un material altamente combustíbel a esa distancia, e mesmo para instalacións como gasolineiras se reduce a distancia de seguranza.
A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común convoca a manifestarse este sábado ás 12:00 horas dende a estación do tren de Santiago de Compostela
En segundo lugar, o BNG denuncia que no tocante á ordenación do monte con esta lei derrógase a obriga de establecer discontinuidades no monte, co que se volve permitir un cultivo indiscriminado de miles de hectáreas de monocultivo forestal, principalmente eucaliptos.
O Goberno do PP entrega o monte galego aos grandes capitais
Ademais, o BNG advirte de que estamos perante unha Lei de Montes na que a Xunta deixa en mans da iniciativa privada toda a responsabilidade de planificación do monte, e mesmo se pon fora en cuestións administrativas en relación cos montes veciñai.
Polo tanto, estamos ante unha renuncia da Xunta de realizar toda política de desenvolvemento rural e forestal, deixándoa exclusivamente en mans da iniciativa privada. Deste xeito, consolídase un modelo de agrupación de propietarios forestais que deixa fora aos propietarios e que fía todo aos grandes capitais que queiran investir no monte.
Por último, o BNG denuncia que a Lei de Montes do goberno de Feijoo afonda nunha liña xa iniciada polo PP nesta lexislatura de que todo o territorio galego sexa susceptíbel de explotar para especies forestais de aproveitamento rápido, sen ningún criterio de sustentabilidade nin de creación de valor.