A portavoz nacional, Ana Pontón, e o portavoz de Agricultura, Xosé Luís Rivas, transmitiron o apoio do BNG á iniciativa lexislativa popular (ILP) a favor dun monte galego multifuncional que promove a Alianza Rural Galega, entidade que aglutina a catro organizacións: ADEGA, FRUGA, CIG e Asociación Galega de Comunidades de Montes. O prazo de recollida de sinaturas, que xa está próxima as 10.000 firmas necesarias para que poda ser debatida no Parlamento, é ata o 25 de xuño.
“Esta iniciativa responde a unha inquedanza da poboación polo preservación e polo o aproveitamento do monte galego que vai máis aló dos lumes, que aposta por un monte multifuncional que sexa fonte de riqueza e que, lonxe de ser unha ameaza polo seu estado de abandono e polo seu nivel de eucaliptización, sexa unha liberación e un estimulo económico, social e ambiental, que sexa parte da solución ao abandono do rural que ten que desenvolverse de xeito harmónico e integral”, salientou Rivas en declaracións aos medios.
A ILP ten como obxectivo a ordenación, mellora e aproveitamento multifuncional do monte galego e, ao mesmo tempo, sería a maneira máis eficaz de loitar contra os lumes, tendo en conta que, segundo explican os promotores, as causas últimas dos incendios están no abandono do monte e do abandono do medio rural.
Neste sentido, a iniciativa lexislativa popular propón unha moratoria na plantación de eucalipto que xa excede en 300.000 hectáreas o previsto no actual Plan Forestal de Galiza, eliminar esta especie pirolítica das zonas de rede natura e das terras de cultivo e facer unha xestión racional do mesmo alí onde se decida plantar.
Igualmente, a ILP da un papel primordial ás persoas titulares das terras, que deben ser protagonistas da posta en valor das mesmas promovendo a súa implicación. Por iso, a proposta inclúe recuperar as unidades de xestión forestal (UXFORs) suprimidas polo Goberno de Feixóo e un recoñecemento específico para que o monte en man común. Ademais, a ILP inclúe medidas para potenciar as especies frondosas por ser as que producen madeira de calidade e xeran máis valor engadido nos procesos de transformación da madeira.
En definitiva, a ILP propón un monte multifuncional o que supón ao mesmo tempo unha maneira eficaz de loitar contra os lumes, nas antípodas da política que desenvolve o Goberno do PP na Xunta, que segue apostando case en exclusiva pola vertente forestal do monte, e cuxa última “aportación” foi utilizar a Lei de acompañamento dos orzamentos de 2017 para modificar pola porta de atrás e Lei de montes veciñais para facilitar que o monte en man común pase de ser xestionado polos comuneiros e comunerias para poñelo a disposición de empresas forestais privadas.