O BNG apoia á flota de baixura amarrada nos portos galegos en protesta pola redución de cotas

Para Francisco Jorquera, portavoz do grupo parlamentario do BNG, “é imprescindible que os gobernos galego e central rectifiquen as súas políticas porque condenan ao desmantelamento a un sector básico para Galiza”

O portavoz do Grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera manifestou o apoio desta forza nacionalista ás reivindicacións da flota de baixura que permanece amarrada nos portos de A Coruña, Muros, Ribeira e Celeiro en protesta polas cotas pesqueiras.

O deputado urxiu ao Goberno galego e ao Goberno central a “rectificar as súas políticas nesta materia” por seren lesivas para Galiza e condenar “ao desmantelamento” a un sector básico para a economía galega.

Para o portavoz do grupo nacionalista, o reparto de cotas “non se xustifica por criterios de sustentabilidade das diferentes especies” máis ben, dixo, responden a intereses políticos e económicos que “prexudican gravemente ao noso país”.

Trala Xunta de portavoces celebrada hoxe no Parlamento, Francisco Jorquera compareceu ante os medios de comunicación para dar conta da orde da vindeira sesión plenaria prevista para os días 26 e 27 na que serán debatidos e aprobados os orzamentos do ano 2013.

O PP profundiza austericídio, no paro e na depresión económica

A actitude do Partido popular galego é a mesma de Mariano Rajoy no debate do Congreso dos deputad@s, unha actitude,dixo, “de chulería, triunfalismo e falta de dialogo” para aceptar algunha emenda porque o Partido popular entende a maioría absoluta como mera aplicación “do rodillo parlamentario” aceptando só as súas emendas.

Jorquera afirmou que tramite dos orzamentos constata a súa caducidade porque as previsións macroeconómicas das taxas de paro para final do 2013 xa se cumpriron no mes de xaneiro.

Estas políticas, engadiu o nacionalista, profundizan no “austericidio, no paro e na depresión económica”, o Partido popular segue cada vez “máis lonxe” dos problemas que padecen os cidadáns, aseverou.

O PP non responde ás Declaracións Institucionais

O parlamentario explicou que as Declaracións institucionais relativa ao indulto do galego David Reboredo e ao pronunciamento da Cámara galega contra os desafiuzamentos permanecen á espera dunha resposta do Partido popular, polo contrario, engadiu, a Mesa da Cámara si aportou un modelo de declaración de bens e rendas que debe ser cumprimentada polos deputados e deputadas nun prazo de 30 días para que posteriormente figure na páxina web do Parlamento de Galiza.

O grupo parlamentar do BNG considera que debe existir un modelo “Ad hoc” onde se recollan todas as declaracións de actividades e bens aportados nesta cámara por todos os deputados e deputadas recollidas na propia constitución da lexislatura porque é “ máis transparente”, concluíu.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG