O BNG apoia as demandas do colectivo de extinción de incendios e emerxencias

Avoga por un proceso de rescate público das concesións privadas

Esixe da Xunta de Galiza o desenvolvemento pleno da Lei de Emerxencias cun modelo homoxéneo de prestacións e condicións de traballo dos servizos de prevención e extinción de incendios e salvamento

O BNG manifestou o seu apoio ás demandas do colectivo de extinción de incendios que secundarán unha folga indefinida para esixir a homoxeneización das súas condicións laborais e a aplicación do plan de emerxencias, posto que se trata dun servizo público esencial do que depende a seguranza da cidadanía galega que o Goberno da Xunta ten pendente de desenvolver dende 2010.

A responsábel de Organización e de Estratexia Territorial da Executiva do BNG, Goretti Sanmartín, afirmou que este conflito, “latente xa antes do accidente de Angrois, sobre demandas laborais e homoxeneización” vén derivado da falta de desenvolvemento da Lei de Emerxencias por parte do Goberno do PP na Xunta de Galiza.

Así, explicou que a privatización dun servizo público esencial para a seguranza da cidadanía é un problema “porque o único que está en xogo é a consecución de maiores beneficios económicos para a empresa privada en detrimento da calidade que deben ter os servizos públicos e dos dereitos laborais dos traballadores e das traballadoras”. O Goberno da Xunta ten unha perspectiva unicamente mercantil, asegurou, e non parte da necesidade de conseguir unha maior formación, cualificación, especialización e experiencia que demanda o colectivo, senón que pretende disimular isto como un simples conflito laboral entre as partes e non lle esixe á concesionaria que atenda estas demandas e que abra unha vía de diálogo en condicións.

O BNG esixe da Xunta de Galiza o desenvolvemento pleno da Lei de Emerxencias, o que significa, entre outras cuestións, propor un modelo homoxéneo de prestacións e condicións de traballo dos servizos de prevención e extinción de incendios e salvamento, con base no criterio de prestación pública directa do servizo, nun prazo non superior a seis meses; e apostar pola profesionalización dos Servizos de Emerxencia e Salvamento da Galiza, coa elaboración e aprobación dun Estatuto profesional.

Requirimento para que se cumpra a Lei de Emerxencias

Xosé María López Rivas, pola súa parte, como representante da Mesa Intersindical de Bombeiros, anunciou que a convocatoria dunha folga indefinida dende o 28 de agosto irá acompañada “dunha concentración diante da Dirección Xeral de Protección civil para presentar un requirimento para pedir que se cumpra a Lei de Emerxencias, que contribúa á busca dunha solución para a homoxeneización e a estabilidade do corpo de bombeiros de Galiza”.

A deputada nacionalista Carme Adán sinalou, ademais, que o BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para darlle cumprimento á Lei de Emerxencias, “pois neste momento xa tería que estar desenvolvida a disposición adicional terceira que recolle que en 2010 deberían estar elaboradas as medidas para homoxeneizar no prazo de tres anos as prestacións e as condicións de traballo de todo o territorio de Galiza dos servizos de prevención e extinción de incendios e de salvamento”.

“Isto está sen facer dende 2010 e estamos no 2013, polo tanto, é imposíbel que agora o Goberno galego mire para outro lado nunha estratexia moi propia de Feijóo e non acometa o desenvolvemento da Lei de Emerxencias”, afirmou.

O BNG avoga tamén polo rescate das 23 concesións privadas existentes para este servizo público e que se adopten as medidas necesarias para que se atendan as reivindicacións deste colectivo abocado á folga para reivindicar melloras na súa prestación.

Esta situación levou o BNG a comezos deste mes presentar diferentes preguntas e mesmo unha proposición non de lei no Parlamento galego e, nas próximas semanas, rexistrará unha moción nos concellos para apoiar as demandas deste colectivo, instar á Xunta a desenvolver plenamente a Lei de Emerxencias e a iniciar un proceso para incorporar os consorcios privatizados á prestación directa por parte da Administración.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG