O BNG iniciará unha ofensiva institucional e apoiará a mobilización veciñal para impedir que se materialice o proxecto de Altri en Palas de Rei, unha “auténtica bomba ambiental no corazón de Galiza” que causará un enorme prexuízo ambiental e socioeconómico en toda a comarca da Ulloa, chegando o seu dano até a ría de Arousa.
Así o avanzou este xoves a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, que denunciou a “gran mentira” do PP en torno a un proxecto que “nada ten que ver co que se anunciou”, posto que o que pretende instalar Altri en Palas de Rei non é unha factoría de fibras téxtiles, senón unha gran fábrica de celulosa líquida tres veces máis grande que a de Ence en Pontevedra.
Segundo recoñeceu a propia empresa, subliñou Rodil, a fábrica proxectada produciría 250.000 toneladas de celulosa e 60.000 de lyocell nunha primeira fase, cantidades que ascenderían a 400.000 t. e 200.000 t. respectivamente coa factoría a pleno rendemento.
“Pretenden instalar en Galiza unha fábrica contaminante que non queren en Portugal”, denunciou a deputada, advertindo do “enorme impacto territorial, nos recursos hídricos e no tecido socieconómico” non só en Palas de Rei, senón tamén en Agolada, Santiso e Melide e na contorna da ría de Arousa.
“É unha agresión descomunal e un ataque ao ben máis preciado que temos”, apuntou en alusión a auga que precisaría a pasteira que, segundo a propia empresa, captaría máis de 16 millóns de metros cúbicos ao ano procedentes do encoro de Portodemouros. É dicir, 46.000 metros cúbicos de auga ao día ou, o que é o mesmo, 535 litros por segundo. “Altri succionará máis auga da que consumimos nun día as 350.000 persoas que vivimos na provincia de Lugo”, destacou Olalla Rodil.
A celulosa vertería de volta ao río Ulla aproximadamente o 80 % da auga logo de sometela a procesos industriais contaminantes e de depuración industrial, explicou a deputada nacionalista, salientando que o Ulla xa ten agora uns índices elevados de contaminación e que desemboca nunha ría de Arousa “da que comen máis de 4.000 familias, que produce máis do 70 % do mexillón de Galiza e que leva anos vendo caer a súa produtividade”.
Rodil destacou, por outra banda, o impacto económico que a fábrica terá na zona na que se enmarca a DOP Arzúa-Ulloa, a segunda en produción do Estado español, con numerosas explotacións agrogandeiras e proxectos empresariais vinculados ao sector primario ou ao Camiño que xeran riqueza e postos de traballo na zona.
“En vez de axudar a estes proxectos o Goberno do PP leva anos impedindo que se poida culminar a concentración parcelaria en zonas afectadas polo proxecto de Altri”, denunciou a viceportavoz parlamentaria, que advertiu así mesmo da demanda de eucalipto que exixirá a fábrica de Altri, exercendo -dixo- aínda máis presión sobre as terras agrarias e reducindo a superficie agraria últil.
Portas xiratorias e Rede Natura
Rodil acusou ao PP de poñerlle a “alfombra vermella ás súas empresas amigas para que arrasen co monte, co río e coa terra” e alertou de que o proxecto de Altri condicionará tanto a política agraria como forestal , “hipotecando o futuro do País”. “O PP non traballa para a xente de Palas, da Terra de Melide ou da Arousa, o PP traballa para as empresas que lles fan de porta xiratoria aos seus conselleiros de Medio Ambiente, como Greenalia, socia de Altri neste fábrica de celulosa que ten en nómina a Beatriz Mato e Antonio Couceiro, ou para Navigator, que agora senta como asesor o que foi director xeral de Conservación da Natureza, o mesmo que paralizou a ampliación da Rede Natura, Ricardo García Borregón”, censurou.
Aludiu así ao impacto no territorio da factoría, que ocuparía 360 hectáreas nunha zona incluída na ampliación da Rede Natural iniciada en 2011 e paralizada desde hai 13 anos polo PP. Unha zona ademais de enorme valor patrimonial e natural na contorna da Serra do Careón, cunha flora endémica considerada de especial protección, como a Santolina de Melide, a herba de namorar de Merino e a magarza de Barazón, todas elas en perigo de extinción.
Ante a ameaza que supón Altri, o BNG vaise poñer ao lado da xente apoiando a mobilización cidadá, asegurou Rodil, convencida de que a veciñanza “vai parar esta bomba ambiental”. Anunciou, ao respecto, que o Bloque fará alegacións ao proxecto e presentará mocións nos concellos e iniciativas no Parlamento galego, no Congreso, no Senado e na Cámara Europea.
Alternativas ao “modelo depredador” do PP
Xunto a esta ofensiva institucional, o BNG presentará alternativas “a esta rapiña e a este modelo depredador e colonial que promove o PP”, con propostas de dinamización socieconómica para a Ulloa, a Terra de Melide e o Alto Ulla, apostando polos recursos propios, o peche de ciclos produtivos e a sustentabilidade.
A alternativa do BNG, que xa ten anunciado unha oposición construtiva na que cada crítica terá unha proposta, inclúe un Plan para a mellora integral da calidade da auga do río Ulla e de rexeneración da Ría de Arousa e impulsar unha proposta de país, man a man coa sociedade e o tecido produtivo, para o desenvolvemento autocentrado da cadea de valor monte madeira. Galiza é a novena produtora de madeira de Europa.