BNG anuncia iniciativas no Parlamento galego e Europeo contra a cotas pesqueiras para o cerco

Rosana Pérez  urxe a declaración da costa galega “non apta” para parques eólicos mariños

Ana Miranda denuncia cotas que  discriminan a Galiza e prexudican gravemente ao sector do cerco

A portavoz de pesca do BNG, Rosana Pérez, xunto á deputada no Parlamento galego, Carmela González e a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, mantiveron un encontro con representantes da Asociación de Armadores do Cerco de Galiza, (ACERGA) para abordar entre outros asuntos: a diminución das  cotas de sardiña e xurelo, as  supresións das  exencións nos combustibles para o sector pesqueiro e as consecuencias da implantación da  eólica mariña.

A deputada, Rosana Pérez remarcou que a postura do BNG é “declarar non apta a costa galega para a instalacións de parques eólicos mariños” ante as características de singularidade da frota galega. Neste sentido, lembrou que o PP e PSOE abriron “a porta á eólica mariña” a pesar de que o propio Parlamento europeo xa se pronunciou sobre a consecuencias negativas  que ten para a pesca a instalación de aeroxeradores no mar.

Por outra parte,  insistiu en que unha das grandes preocupacións do sector que “vive basicamente das especies da sardiña e o xurelo” e que se ven obrigados a asumir unha cota menor, a pesar do número de embarcacións, potencia da súa actividade pesqueira e coa ameaza de baixas cotas do xurelo para este ano na zona 8C.

Rosana Pérez anunciou que o BNG presentará novas iniciativas no Parlamento galego ante as diferentes problemáticas transmitidas polos representantes de ACERGA.

Pola súa parte, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda criticou un sistema de cotas que non resulta “equitativo para a frota galega” e concretamente para a frota do cerco. Dende o BNG, dixo, imos dirixirnos á Comisión europea e á Dirección Xeral de Pesca, para trasladar as demandas dos responsables de ACERGA. O Parlamento europeo, explicou Miranda, ten “a obriga de velar polo reparto equitativo  de cotas entre os  estados membros pero tamén dentro dos propios estados” e denunciou o trato “de favor no Estado español para unhas frotas en detrimento doutras”.

Miranda reiterou  que o BNG en Europa continuará reclamando “un sistema equitativo de cotas para que Galiza non continúe sendo a grande prexudicada neste reparto”.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG