O BNG anima a ir aos partidos do Obradoiro con bandeiras de Galiza

O BNG anima as persoas afeccionadas a levaren bandeiras galegas con estrela aos vindeiros partidos do Obradoiro co obxectivo de expresaren o seu desacordo coa medida imposta polo club de retiralas e de impedir o acceso de persoas seareiras que as porten ao Multiusos Fontes do Sar. “Para o BNG é un despropósito pretender multar con 3.000 euros a quen use a bandeira galega con estrela, pois é un símbolo que une á afección compostelá”, indicou Rafael Vilar.

O concelleiro do BNG xa se puxo en contacto, no pasado mes de outubro, coa directiva do club para expresarlle a preocupación polo feito de que as persoas responsábeis de seguridade tiñan orde de non permitir o acceso aos partidos se as persoas seareiras portaban bandeiras destinadas a animar o seu equipo, de cara a que se corrixise esta situación para non deteriorar o espírito de ilusión da afección deste club. Logo de diversas conversas con responsábeis do club, que resultaron infrutuosas, o BNG tomou o acordo de deixar de ir ao palco mentres non se restabeleza o uso habitual de insignias que adoitan utilizar as persoas afeccionadas para animar os equipos deportivos.

Rafael Vilar lembrou que “é normal e habitual a presenza desta simboloxía en todos os campos de fútbol galegos e noutras moitas manifestacións deportivas, que non teñen outra connotación que a representación do sentimento de País”. “Calquera outra interpretación deste símbolo só se entende por descoñecemento ou mala fe”, engadiu.

O BNG quere manter co club Obradoiro o entusiasmo, a confianza e o esforzo que caracterizan o ámbito deportivo, pois agarda que se corrixan as indicacións dadas ás persoas responsábeis da seguridade canto antes.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG