O BNG recibe en Compostela ás 40 organizacións políticas que integran a Alianza Libre Europea (ALE) que celebra a XII Asemblea Xeral en Santiago de Compostela entre os días 13 e 15 de febreiro baixo o lema Tempo de autodeterminación.
O portavoz nacional, Xavier Vence, salienta a importancia desta cita en vésperas das eleccións europeas do 25 de maio, que espera se salden cunha maior representación das forzas políticas que apostan pola soberanía dos pobos fronte aos Estados.
As eleccións europeas deben traducirse nunha forte representación das organizacións que, como o BNG, defendemos unha Europa dos pobos, da diversidade e da xustiza social, salienta Vence, quen valorou a oportunidade do debate entorno a soberanía e o dereito de autodeterminación que desenvolverá a Asemblea da ALE.
O peso abafante dos grandes poderes financeiros sobre a economía real dos territorios, fai máis necesario ca nunca que países coma Galiza camiñen cara a maiores cotas de soberanía, con instrumentos para tomar decisións e protexer os nosos sectores produtivos, o noso territorio e a súa cidadanía, argumentou, tras advertir que son os territorios sen competencias os que máis sofren as consecuencias da crise e os peor tratados polas políticas europeas.
A secretaria de Política Internacional e eurodeputada do BNG nesta lexislatura, Ana Miranda, subliñou a normalidade coa que se debate do dereito a autodeterminación en Europa, nos casos escocés, flamenco ou galés, fronte á resistencia a falar deste tema no Estado español.
As 40 organizacións da ALE representan a diversidade nacional, lingüística e a loita polos dereitos dos pobos na Eurocámara, entre eles Aralar, EA, ERC, Bloc Nacionalista Valenciá, PSM-Entesa, Nova Canarias e do Partido Andalucista, dentro do Estado español. Partido Nacionalista Escocés (SNP), Partido Nacionalista de Flandes (N-VA), e do Partido de Gales (Plaid Cyrum) entre outros, ata un total de 150 representantes que se darán cita en Galiza.
Clausura de Camilo Nogueira
A XII Asemblea Xeral da ALE se realiza conxuntamente coa asemblea das organizacións da mocidade da ALE, con Galiza Nova como anfitrioa, e das fundacións das formacións políticas, neste caso baixo a organización da Fundación Galiza Sempre. O peche da asemblea correrá a cargo de Camilo Nogueira, membro honorario da ALE e eurodeputado do BNG entre 1999-2004.
Alianzas electorais
De cara á conformación da coalición para concorrer aos comicios europeos, o portavoz nacional salientou que as negociacións están en fase avanzada, pero non pechada xa que o BNG continúa co diálogo cos colectivos políticos e sociais do país para que acompañen á candidatura do Bloque ao Parlamento Europeo.
Queremos que sexa unha candidatura de toda a cidadanía que se opón ás políticas da Troika e a unha Europa cada vez máis entregada aos poderes financeiros e, polo tanto, máis desigual.
Vence subliñou que, dentro desas negociacións, o BNG segue traballando no escenario de conformar unha coalición con forzas nacionalistas de esquerda doutras nacións do Estado que garanta unha presenza importante de Galiza no Parlamento europeo, e por iso estamos valorando todas as opcións que agora mesmo temos encima da mesa.
O portavoz nacional indicou que o Bloque segue o proceso de diálogo coas restantes forzas para conformar unha candidatura potente que permita que Galiza estea ben representada no Parlamento Europeo, e adoptará a súa decisión nas vindeiras semanas tras pechar as negociacións coas outras forzas políticas.