O BNG amosa o seu apoio aos representantes da cultura pechados na Cidade da Cultura

O BNG reclama que Jesús Vázquez abandone ás políticas de ataque e desmantelamento da cultura galega e que dialogue co sector. O luns 18 de febreiro os profesionais das Artes Escénicas e musicais iniciaron un peche nas dependencias que Axencia Galega das Industrias ten na Cidade da Cultura. Denuncian a grave situación na que se atopan as empresas e traballadores e reclaman unha xuntanza co Conselleiro, D.Jesús Vázquez, e un plan estratéxico para as Artes Escénicas.

O BNG lamenta que a resposta da Xunta de Galiza sexa a de ameazar cun desaloxo e mesmo con posíbeis denuncias as persoas que están realizando un peche pacífico nun edificio público. Denunciamos que esta situación foi creada pola propia Xunta de Galiza. Por unha parte, carecendo de vontade de interlocución coas organizacións representativas do sector e, por outra, desmantelando as políticas culturais, aplicando continúos e arbitrarios recortes que están levando á cultura, e singularmente ás artes escénicas, a unha situación límite e de incerteza absoluta.

A través deste comunicado, o BNG amosa o seu apoio ás reivindicacións da Plataforma das Artes Escénicas e Musicais, así como, ás actuacións que están levando adiante para conseguir seren escoitados e atendidos pola Xunta de Galiza. Cómpre lembrar o obriga legal e moral das administracións públicas coa cultura galega. Obrigas que o actual goberno desatende de maneira flagrante e incumpre sistematicamente.

O Bloque Nacionalista Galego agarda que a Xunta de Galiza abandone a súa actitude de soberbia e prepotencia e aposte por establecer un diálogo franco e real cos representantes das asociacións e entidades que permanecen pechadas na Cidade da Cultura, que frutifique nun cambio das políticas culturais que dependen da Xunta de Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG