Congreso

BNG alerta dun novo recorte nos servizos ferroviarios en Valdeorras e Lemos e demanda a rectificación do Goberno do Estado

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego rexistra novas iniciativas para que o Goberno do Estado cese na pretensión de desmantelar os servizos ferroviarios na comarca de Valdeorras que está a provocar un prexuízo para máis de 150.000 habitantes

A frente nacionalista demanda estabelecer os medios materiais e humanos necesarios para garantir un servizo ferroviario de calidade

O Bloque Nacionalista Galego, a instancias do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, rexistra novas iniciativas ante o desmantelamento dos servizos ferroviarios na comarca de Valdeorras. A frente nacionalista exixe ao Goberno do Estado restabelecer todas as liñas e frecuencias que conectan a comarca ourensá –e a comarca de Lemos- co resto do País e a meseta, así como dotar de medios materiais e humanos suficientes o servizo ferroviario en toda a Galiza que favoreza o uso do transporte colectivo –verde e sustentábel- en detrimento do vehículo particular. De non facelo, apunta Rego, estarase perpetuando a discriminación que sofre a Galiza e Ourense no transporte por ferrocarril.

A entidade pública Renfe, adscrita ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, anunciou un novo recorte nos servizos ferroviarios que presta nas comarcas de Valdeorras e Lemos. O cambio de horarios impedirá que a veciñanza destes dous territorios collan o Alvia con destino a Madrid, a través do seu enlace con León. No comunicado oficial por parte do Goberno especifica que esta modificación é polas obras na infraestrutura que se está a desenvolver no túnel de Pajares, entre Asturias e León, mais a organización nacionalista alerta de que pode tratarse dun novo recorte no servizo que se presta nas comarcas de Valdeorras e Lemos.

“Esta decisión provoca un prexuízo a máis que 150.000 habitantes que se verán obrigados a desprazarse até Ourense para enlazar cos servizo de alta velocidade” afirma o deputado do BNG mentres denuncia o déficit nas comunicacións que posúe Valdeorras. Cabe lembrar que o servizo directo de ferrocarril que conectaba a comarca con Madrid foi eliminado hai anos. “O que agora están a eliminar é a posibilidade de enlazar en León, o que xa era un despropósito, o que provocará un aumento do tempo de viaxe para as persoas que precisen desprazarse até Madrid porque terán, primeiro, que desprazarse até Ourense e, posteriormente, coller o tren de alta velocidade” destaca.

Mais, para Rego, esta resolución vén a sumarse a outras que foron no mesmo sentido: “desmantelaron o servizo presencial de venda de billetes e substituírono por máquinas, pecharon estacións na comarca –que agora funcionan unicamente como apeadeiros como na Rúa e no Barco- e mesmo eliminaron liñas e frecuencias que conectaban con Ourense e outras cidades do País”.

Neste sentido, o deputado do BNG reclama a rectificación por parte de Renfe e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e restabeleza todos os servizos que a entidade ferroviaria pública prestaba na comarca. “Precisamos aumentar os servizos ferroviarios, xusto nun momento en que o transporte como o ferrocarril, un medio de transporte verde e sustentábel, que debe gañar peso” salienta o deputado nacionalista.

Alén do máis, a organización nacionalista lembra que o recorte dos servizos ferroviarios na comarca de Valdeorras comezou cos gobernos do Partido Popular no Estado, política de desmantelamento que continúa o Goberno de PSOE e UP. “Parece que as políticas dos distintos Gobernos teñen como único obxectivo deixar esta comarca incomunicada, obrigando a cidadanía a optar polo vehículo individual e mesmo verse obrigada a emigrar” enfatiza.

Ao deterioro e desmantelamento dos servizos, explica o deputado nacionalista, deben sumarse ademais as continuas avarías do material rodante que opera nesta comarca, así como os habituais descarrilamentos que se producen na vía. O último, precisa a organización nacionalista, hai só dúas semanas.

Retraso nos servizos ferroviarios na Galiza

Paralelamente, a organización nacionalista critica a falta de previsión do Goberno do Estado e a entidade pública, Renfe, ante os atrasos que se están a producir na meirande parte de liñas ferroviarias. Tanto nos servizos que se prestan no eixo atlántico como o servizo AVANT que conecta a cidade de Ourense con Santiago de Compostela e A Coruña. “O Goberno do Estado debe dotar dos suficientes recursos materiais e humanos para garantir que a cidadanía poida gozar dun servizo ferroviario de calidade e confiábel que permita o uso do transporte público en detrimento do vehículo individual” salienta.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG