O BNG agradece a contribución económica da súa militancia para garantir a súa viabilidade

 

A Secretaria de comunicación, Carme Adán denuncia que mentres outros partidos son financiados  de “maneira opaca” e con  “sobres”, o BNG conta co esforzo e colaboración da súa militancia nun momento de profunda crise económica para garantir a súa viabilidade e  continuar defendendo os intereses de Galiza

Carme Adán agradeceu hoxe, en sede parlamentar ante os medios de comunicación, a contribución económica da militancia do Bloque Nacionalista galego para garantir a súa viabilidade.

A deputada asegurou que o BNG “síntese orgulloso” do esforzo de toda a militancia nun momento de profunda crise económica agravado “polos recortes do Partido popular nos fondos públicos para os partidos políticos e todo o relacionado coa democracia”.

A parlamentaria nacionalista manifestou que, mentres outras forzas son financiadas de “maneira opaca” e a través de “sobres”, o BNG agradece o grande esforzo e contribución económica da súa militancia neste momento de crise para continuar defendendo os “intereses de Galiza”.

Adán lembrou que o Consello Nacional do BNG acordou solicitar a contribución económica voluntaria da militancia “de maneira extraordinaria” como forma lexitima de autofinanciamento e adaptando esta contribución ás diferentes posibilidades persoais.

A deputada do BNG reiterou “o compromiso e colaboración de toda a militancia” para autofinanciar a actividade política desta forza e garantir a viabilidade económica do BNG.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG