A portavoz de pesca e marisqueo do BNG, Rosana Pérez interpelou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde, sobre a reapertura das minas de San Finx e o seu impacto na comarca de Muros e Noia e sobre as repercusións económicas para as persoas que viven do seu traballo nesta ría.
A deputada explicou que, dende o mes de novembro, permanece en exposición pública a solicitude da empresa Tungsten San Finx para autorizar o vertido ao río Pesqueira de augas residuais industriais depuradas procedentes da explotación mineira de estaño e volframio de San Finx, no concello de Lousame, así como o proxecto de adecuación do cauce para a retirada dos sedimentos acumulados no dominio público hidráulico na contorna das presas de San Finx.
Dende hai 12 anos, engadiu a nacionalista, o Goberno Popular na Xunta representa “a historia dunha conivencia entre dúas empresas mineiras” obviando a normativa ambiental e toda a cautela ecolóxica.
No ano 2009, secuenciou a deputada, o Partido Popular permitiu que unha empresa retomase a súa actividade mineira “sen un proxecto sometido a avaliación ambiental” e sen exposición pública coa adxudicación de máis de 2 millóns de euros de subvencións entre o 2009 e o 2013, incluídos os 800.000 euros que recibiu do IGAPE, malia aos informes técnicos negativos. “Descoñecemos o destino deses 2 millóns de euros tras declararse a empresas en concurso de acredores e sen pagar a nómina de seis meses aos seus traballadores”.
Deron por bo un informe que indicaba que as presas serían “irrefutabelmente” presas “hidroeléctricas e non de residuos mineiros con tal de encubrir aquela autorización do 2009 sen avaliación ambiental e para evitar a responsabilidade sobre dúas presas en estado de abandono e colmatadas de residuos mineiros”.
As presas, recalcou Rosana Pérez “nunca presas hidroeléctricas porque son presas de residuos mineiros”.
Despois de que de Augas de Galiza, no ano 2019, corroborase que “a xestión e a explotación das dúas presas era realizada pola empresa mineira (…) O novo titular subrógase de todas as obrigas afectas á explotación mineira, resultando Tungsten San Finx responsábel da xestión e da explotación mineira na actualidade”, agora, de novo, tentan autorizar os vertidos para que a actual concesionaria active a mina disfrazando esta operación de “mellora ambiental na contorna da mina” e a adecuación do leito do Rego Rabaceiras como “unha medida medioambiental compensatoria da empresa para mellorar o estado global do río e para asegurar o comportamento estrutural das presas situadas no mesmo pero sen realizar accións no propio corpo das presas”.
“A mentira das presas” e a “ausencia dunha restauración ambiental na zona” tivo e segue a ter consecuencias sobre ás que o goberno debe dar explicacións e deberían dalas antes de que llas pida algún xulgado como xa aconteceu con “ex altos cargos da Consellería de Industria”, subliñou a nacionalista..
Esquecen, ou queren esquecer, que o esteiro do Traba, na ría de Muros e Noia, a onde van parar as augas de San Finx, é unha zona con altas densidades de metais pesados onde non se pode mariscar, a pesar de ter unha potencialidade produtiva inmensa.
“A reapertura da mina non é posible sen avaliación ambiental”, e moito menos despois dos resultados da planta piloto de depuración de metais pesados, que foi “un auténtico fracaso”. Que máis necesitan para frear unha solicitude de vertidos despois dos antecedentes que existen e por segunda vez cun procedemento que xa leva aberto irregularmente 6 anos cando o prazo para resolver é dun ano e medio?
Ex altos cargos de Industria investigados por prevaricación
A deputada do BNG pediu ao conselleiro un compromiso coas lexítimas preocupacións e reivindicacións do sector do mar e do conxunto da cidadanía da comarca de Muros e Noia e lembrou que hai “ex altos cargos da Consellería investigados por presunta prevaricación ambiental na que a Fiscalía puxo o foco sobre a autorización da Xunta en 2011 da mina de Lousame” por non ter realizado unha avaliación de impacto ambiental, pese a existir informes que alertaban de que a explotación podía contaminar as augas.
Tras a intervención do conselleiro de Economía que acusou ao BNG de querer pechar calquera actividade mineira, a deputada do BNG replicou que o PP quere “tinguir de negro Galiza”, e volveu a lembrar que a Fiscalía investigou a falta de avaliacións de impacto ambiental a pesar dos informes negativos dos propios informes dos técnicos de Augas de Galiza. O BNG, dixo, quere unha Galiza contraria á política “depredadora” do PP e reiterou que “a reapertura da mina non é posible sen a preceptiva avaliación de impacto ambiental”.