Rivas salientou que, mesmo algunhas administracións e cargos relevantes do Partido popular demandan que a especie sexa declarada como unha “praga” dentro de Galiza e reclamou “un Plan de Xestión” da especie coa elaboración dun censo poboacional, a incidencia do porco bravo por comarcas e un protocolo de medidas para reducir os danos nos cultivos.
Na súa intervención afirmou que “unha política exclusiva de batidas non é a solución”, e que mesmo pode agravar o problema e inducir a máis danos sobre a agricultura e a biodiversidade.
O deputado, tras mostrar o seu malestar ante a falta de respostas da Xunta ás cuestións formuladas polo BNG na Comisión de Agricultura, gandería e Montes celebrada hoxe no Parlamento galego, afirmou que os problemas que provoca o xabaril non competen só ao Estado e preguntou que propostas levou a Xunta a reunión da Comisión estratéxica da Conferencia estatal.
Xosé Luís Rivas (Mini), acusou ao goberno galego de “non facer nada” cando comezaba o problema e agora “ fan como si fixeran algo” e por riba, bótanlle a culpa aos ecoloxistas e as persoas que denunciamos. O xabaril esta perturbando a fauna galega pero esa perturbación é maior, dixo, “coas batidas erráticas” que a Xunta puxo marcha. Esas batidas, engadiu, “non foron controladas nin estudado o seu éxito ou fracaso”.
Non existe censo oficial, insistiu, pero Unións agrarias e despois a propia consellería de Medio ambiente cifra en 200 mil exemplares a especie sobre a que xunta tivo a grande “ocorrencia” de comercializar a carne envasada ao vacío, “que disparate”, manifestou o nacionalista.
Finalmente, o deputado do BNG apelou á profesionalidade dos investigadores e investigadoras galegos para estudar con criterios técnicos posibles alternativas á “praga do xabaril”. Fagan vostede caso das persoas expertas e acometan un Plan de xestión que conleve o estudo da poboación da especie e medidas contra aos danos que está a provocar nos cultivos e no tráfico rodado.