O deputado do BNG, Luis Bará acusou ao PP de protexer os intereses de Altri e Greenalia en lugar de preservar as especies ameazadas da zona e reclamoulle á Xunta un plan integral de recuperación e conservación destas especies endémicas, únicas no mundo.
Bará denunciou que estas especies ameazadas encóntranse nunha situación de “total abandono” e merecerían, “se houbese un Goberno decente”, que estivesen “hiperprotexidas”, con medidas claras de conservación e de recuperación.
Acusou a Xunta do PP de facer todo o contrario porque, segundo suxeríu, protexer estas especies choca cos intereses de Altri e a súa empresa “aliada” en Galiza, Greenalia.
“En lugar de protexer as especies ameazadas en risco de extinción, protexe os intereses e son os comerciais destas empresas.”, afirmou.
O responsable de Medio Ambiente referiuse a tres plantas que se dan exclusivamente na zona dos Concellos de Melide, Santiso, Toques e Palas de Rei: a Santolina Melidensis, en risco crítico de extinción e que se concentran exclusivamente nesta zona, a Armeria merinoi, ou a Magarza de Barazón, que están no núcleo do ZEC (Zona de Especial Conservación) Serra do Careón-Rede Natura. “Son unha auténtica reliquia”, unha “catedral botánica”, salientou.
Na Comisión 2ª, Bará denunciou que a Xunta se “negou reiteradamente” a proporcionar a documentación requirida polo BNG sobre o Plan de conservación de ditas especies, despois de que se fixesen dous estudos contratados pola Xunta de Galiza, un no 2008 e outro no 2019.
“Vostedes pretenden perpetrar un auténtico atentado ambiental, e por iso se negan a facer ese Plan de conservación destas especies e por iso se negaron no seu momento paralizaron tamén a ampliación do ZEC-Serra de Careón e a súa protección pola Rede Natura”, porque, engadiu, “colisionan fisicamente cos intereses da multinacional Altri e Greenalia”.
“Estamos fartos de que se burlen de nós e desprecen este Parlamento” ao non proporcionar a información requirida, manifestou, para aclarar que “non é só que non nola dean, senón que dan unha resposta que non ten calificativos”, xa que, segundo afirmou, “adxuntan na resposta unha memoria previa á adxudicación do contrato, onde se di o que ten que facer a empresa, cando o que eu lle estou pedindo é a documentación presentada pola empresa adxudicataria unha vez realizado o contrato”.
Bará salientou que, despois desta resposta, “un auténtico atentado aos dereitos dos deputados”, desde o BNG volveuse reclamar no mes de xuño dita documentación e seguen sen entregala a día de hoxe, por iso “nos vemos na obriga de volver hoxe aquí para lerlle a cartilla”, asegurou.
Na pregunta escrita tamén se pedía información sobre a situación de ditas plantas, tanto no 2009 como no 2019, sobre cal é a cartografía da especie ou sobre cando vai a Xunta facer o plan de conservación.
“Vostedes mandan un simulacro de resposta con finalidade puramente estatística para dicir que responderon e non responden nada”, acusou, para subliñar que “este é un modus operandi, a norma, fano así sistematicamente”. “Que quede claro que non imos tragar con esta roda de muiño, non aceptamos iso como resposta e ímolo denunciar unha e mil veces” anunciou.
Bará reiterou que a verdadeira razón de que “secuestren a documentación destes contratos” é o conflito de intereses con Altri, o que “tamén explica as turbulencias que hai dentro da súa consellería e que levaron á dimisión do director xeral de calidade ambiental e a o nomeamento de quen xa sabemos, que será obxecto de preguntas neste Parlamento”, anunciou, xa que “revela as enormes tensións á hora de facer os informes ambientais”.
Baŕa aproveitou a súa intervención na Comisión 2ª para agradecerlle á Asociación Galega de Custodia do Territorio o seu labor, xa que que está a mercar eses terreos para conservar e protexer esas especies. “O que non fai o Goberno Galego faino a sociedade, sensibilizada e preocupada por protexer e custodiar o territorio.
Rematou a súa intervención preguntándolle ao PP se van protexer estes hábitats e estas especies ameazadas ou se van seguir protexendo os intereses dunha empresa multinacional. “Se non cumpren coa súa obrigación, estarán prevaricando e haberá quen denuncie, pola vía do contencioso e por outras vías, denuncie esa irresponsabilidade da Xunta de Galiza”, rematou.